Paro total como resposta aos despidos en Ingemarga

Paro total como resposta aos despidos en Ingemarga

12 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O persoal de Ingemarga secundará unha xornada de folga de 24 horas prevista para pasado mañá, xoves 14 de maio, como resposta ao despedimento de 16 traballadores na empresa de Guitiriz, aos que hai que engadirlle outros seis empregados dunha canteira do grupo e outras dúas persoas destinadas aos almacéns. Así mesmo, a asemblea de traballadores decidiu acudir a diferentes paros parciais a curto prazo se a empresa canteira non readmite aos despedidos.

A medida adoptouse por unanimidade dos tres sindicatos, CIG, USO e UGT, con representación na empresa, nunha asemblea celebrada o pasado xoves 8 de maio. As razóns esgrimidas para os despidos dos 16 obreiros de Guitiriz, doutros 6 nunha das canteiras propiedade do grupo e doutros dous operarios destinados a almacéns, foron causas económicas e de produción, sen profundizar mais no tema. De continuar adiante e se a empresa non readmite aos despedidos, os traballadores iniciarán unha serie de paros parciais na fábrica até acadar unha solución satisfactoria, ademais de presentar unha denuncia perante as autoridades xudiciais en materia laboral.

 

Fontes sindicais sinalaron tamén que a representación dos traballadores insistirá en convocar unha xuntanza coa dirección da empresa, xa que a decisión foi tomada de forma unilateral, sen informar previamente ao comité de empresa nin aos sindicatos presentes en Ingemarga. Esta xuntanza é imprescindible para poder negociar a actual situación e buscar unha saída razoable para todos os implicados.

Esta non é a primeira vez que esta empresa procede a un número importante dos seus empregados. Así, en febreiro de 2008, xa prescindiu de 30 traballadores, o que motivou outro parón como protesta en marzo do ano pasado. Da trintena de traballadores que pasaron por este proceso, outros cinco volverán a vivir o drama do paro, xa que están incluídos dentro deses dezaseis aos que Ingemarga entregou a carta de despido.

Sociedade