Parolar en tempos de confinamento

Parolar en tempos de confinamento
24 de Abril, 2020 - 10:21 h. | Publicada por Radio Fene

Parolar e Videofaladoiros son dúas alternativas do colectivo Nordés para pasar o confinamento dun xeito ameno e cultivado. Falamos con Leticia Breijo destas actividades e da razón de ser das Terras da Faladora.

ESCOITA O PODCAST:

“Culto non é aquel que lee máis libros. Culto é aquel que é capaz de escoitar ao outro” escribiu Eduardo Galeano ao referirse á Cultura. Acaída frase para introducirmonos na conversa co colectivo Nordés, unha asociación pro desenvolvemento das terras da Faladora (Vicedo, Ortigueira e Mañón, así como as Pontes e Ourol). O seu obxectivo é dar a coñecer o patrimonio artístico, histórico e cultural destes territorios. Lonxe de amilanarse coa pandemia do Covid19, puxeron a andar o “Parolar” e os “Videofaladorios” botando man das novas tecnoloxías. Da man de Leticia Breijo coñecemos qué facían antes e que fan durante a pandemia.

Parolar e Videofaladoiros

Empezando pola actualidade, Nordés decidiu botar man das novas tecnoloxías para non estar parados e ser útiles á súa contorna.  Parolar é unha rede de conversas telefónicas que permite que a xente que está pasando o confinamento en soedade, poida falar con alguén durante uns minutos ao día. Os Videofaladoiros veñen sustituir as charlas que facían antes da crise, a través das novas tecnoloxías. Abríronos hai unha semana falando da toponimia da zona e continúan este sábado ás 19h co historiador ferrolán Eliseo Fernández que falará das “Fuxidas marítimas do franquismo durante a guerra, entre 1936 e 1939”. Para participar directamente é necesario apuntarse antes en asociacion.nordes@gmail.com. Nesa dirección darannos acceso a unha plataforma desde a que se participa activamente facendo preguntas. Tamén se pode visionar en directo a través de youtube. O primeiro videofaladoiro tivo moito éxito porque reuníu, entre as dúas modalidades, a 50 persoas. Na axenda teñen apuntados dous videofaladoiros novos, un coa experta en arquitectura tradicional, Aurelia Balseiro, e outro de Lois Armada sobre os machados de bronce no Vicedo.

As terras da Faladora

En tempo normal, antes do Covid19, cóntanos Leticia Breijo que o colectivo Nordés promove diferentes tipos de actividades relacionadas co patrimonio natural e cultural. “Os roteiros teñen moito éxito e chegaron a xuntar a 60 persoas” explica Leticia, tamén as actividades nos colexios, as charlas e obradoiros. O colectivo Nordés naceu no ano 2013 nunha sobremesa a raíz das xuntanzas dun grupo de persoas que traballaban na memoria histórica. “As terras da Faladora” pretenden demostrar que se pode vivir nestes territorios dun xeito moi digno. Deixamos a Leticia Breijo, opositora de Historia, no seu activo confinamento, máis tranquila, agora que as oposición adíanse para dentro dun ano.

(Na imaxe, Antonio Martínez Pernas no roteiro sobre os ecosistemas presentes no esteiro e no sistema dunar do Sar)

Cultura

Publica o teu comentario agora