A Pastoriza celebra a II Edición da Festa do Requeixo

A Pastoriza celebra a II Edición da Festa do Requeixo

22 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O requeixo e un concurso de habilidades con tractor van ser os protagonistas da cita estival na localidade de A Pastoriza durante a fin de semana do 31 de xullo e o 1 de agosto. Repartiranse 800 racións de requeixo para degustar de balde e preto de 30 persoas amosarán as súas destrezas ante o volante dun tractor.

A área de turismo do Concello da Pastoriza, a Asociación de Comerciantes ASAPA e a PTC, a Escola de Perfeccionamento e Técnicas de Conducción, organizadores do evento, presentaron onte a nova edición da celebración.
A festa vaise dividir en dúas partes, segundo explicaron os promotores: un concurso de habilidades con tractor e a degustación e venda de requeixo.

O concurso desenvolverase en dous días: o sábado terá lugar a eliminatoria e o domingo as semifinais e a gran final. Os participantes van ter que amosar as súas habilidades nalgún dos dous tractores que cedeu para a ocasión o taller As Granxas. Os concursantes porán a proba o bo manexo do vehículo a partir de diferentes probas de aceleración, marcha atrás, frenadas con precisión ou distintas maniobras cun remolque. Os cinco mellores recibirán un trofeo e premios en metálico, que suman en global uns 750 euros. Malia todo,os inscritos non se irán para a casa co peto baleiro, xa que todos van levar canda eles un agasallo. De momento están inscritas 21 persoas, todas da comarca, aínda que dende a organización, o presidente da Escola de Perfeccionamento e Técnicas de Conducción, Antonio Solorza, afirmou que “esperamos que se anime máis xente e que se supere a cifra do ano pasado que acadara a trintena”.
 

Copilotar a Sergio Vallejo e Isaac Fernández

Antonio Solorza destacou tamén que a curiosa iniciativa do Concurso de Habilidades de Tractor é un reclamo turístico para o Concello e unha forma de achegarse e coñecer a pista de karting e familiarizarse con este disciplina deportiva. En relación con isto, os asistentes á festa poden chegar a ser por un momento copilotos de Sergio Vallejo e Isaac Fernández, que ofrecerán unha exhibición no circuito da Pastoriza. Para iso, vanse repartir rifas ó longo dos dous días. Os que teñan máis sorte serán, por un día, copilotos duns dos máis grandes do rallye.

Para deixar ó público con bo sabor de boca haberá unha degustación de 800 racións gratuitas de requeixo e tamén queixo ecolóxico da recén creada queixería pastoricense Ánxel de Crecente.
 
A tenente alcalde do Concello da Pastoriza, Elva Carreira, sinalou na  presentación do evento que os xermolos da festa naceron co obxectivo de “organizar algo que poidera ser atractivo para os veciños”. A localización da celebración na Pastoriza acada sentido polo feito de ser esta unha vila principalmente gandeira. Exaltar o produto que conforma a base económica do Concello, o leite, foi unha idea na que pensaron os organizadores á hora de botar a andar a festa, segundo afirmou Elva Carreira. 

 

Música, humor e xantar popular

Nesta edición non faltará a verbena amenizada pola orquestra El Combo Dominicano así como a actuación o sábado do grupo humorístico formado por Federico Pérez (Paco o camioneiro) e Patricia Vázquez (Palmira e Porcona), ambos personaxes  do programa da TVG Air Galicia e Padre Casares. Asimismo haberá unha gran churrascada e pulpada o sábado ás nove da noite así como un xantar popular o último día, o domingo, ás dúas do mediodía.

Sociedade