Patos á auga

O Concello de Fene abre a inscrición nas xornadas de mergullo para nenos, adultos e persoas con diversidade funcional
03 de Xuño, 2019 - 02:24 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Deportes de Fene informa de que o prazo de inscrición nas xornadas de mergullo para nenos/as, persoas adultas e persoas con diversidade funcional abrirase este mércores 5 de xuño no pavillón polideportivo da Xunqueira, en San Valentín (de luns a venres de 9 a 13,30 h e os mércores de 16 a 19 h). O programa, que impulsa o Concello, conta coa colaboración do Clube de Actividades Subacuáticas Nautilus.

No caso do mergullo adaptado, ofértanse 8 prazas e terán a piscina municipal de Centieiras como escenario. Levaranse a cabo os sábados 15 e 22 de xuño de 17 as 19 horas. Nestas xornadas poden participar persoas con calquer tipo de discapacidade, xa que se realizan adaptacións no material, técnicas e de loxística para poder practicar o mergullo coa máxima seguridade. Así mesmo, son impartidas por mergulladores certificados e con adestramento específico para mergullarse con persoas con diversidade funcional. O prazo para anotarse conclúe o 13 de xuño e a cota a pagar é de 6,25 euros.

No tocante ao mergullo infantil, a actividade está dirixida a nenos e nenas e é gratuíta. Hai 12 prazas e desenvolverase na piscina municipal o 29 de xuño de 17 a 18 horas. Os requisitos para poder participar son, saber nadar e contar con permiso paterno. O prazo de inscrición pecharase o 25 de xuño.

E, sobre as xornadas de mergullo para persoas adultas (a partir de 16 anos incluídos), ofértanse 12 prazas para o sábado 29 e o domingo 30 de xuño. Na primeira xornada, na piscina municipal de Centieiras de 18 a 20 h, e o domingo, na praia de Chanteiro de 10 a 13 horas, en dous grupos de dúas horas e media. Neste último caso, a actividade celebrarase sempre e cando as condicións do mar o permitan e en caso contrario cambiarase a data. Das prazas ofertadas nesta xornada, tres reservaranse para persoas que tomaran parte nas xornadas de mergullo adaptado. A cota a abonar é de 6,25 euros e o prazo de inscrición tamén remata o 25 de xuño.

Deportes

Publica o teu comentario agora