Patrimonio autoriza as obras de recuperación da Carballeira de Arzúa

Patrimonio autoriza as obras de recuperación da Carballeira de Arzúa

29 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de confirmar que as obras de rexeneración que o Goberno do BNG proxectou na Carballeira da Feira coa finalidade de recuperar os carballos cumpren estritamente coa legalidade. A comisión de Patrimonio que se celebrou esta mañá avala así o traballo do goberno do BNG que sempre defendeu que se trata dunha actuación nece

Así se puxo de manifesto na Comisión celebrada en Santiago no día de hoxe onde se fixo constar que o proxecto de recuperación da carballeira de Arzúa responde a un programa deseñado por unha empresa especializada no que se plasma unha ambiciosa actuación destinada non só a evitar que morran máis carballos senón a facilitar que os que aínda se poidan salvar do seu estado de deterioro e asfixia poidan sobrevivir nunhas condicións que lles permita recuperar o esplendor perdido.

A autorización de Patrimonio, ademais de permitir continuar coas obras, paralizadas trala denuncia do Partido Popular, tamén serve para desmentir e deixar en evidencia unha vez máis a mala fé coa que actuaron os grupos políticos do Partido Popular e Partido Socialista, xunto coas súas Plataformas anexas.

Que Patrimonio declare legais e autorice as obras que se estaban executando na Carballeira de Arzúa permite sacar moitas conclusións:

  • Que o Goberno Municipal de Arzúa fixo un traballo exemplar cuxa única finalidade era a da conservación dun patrimonio natural e histórico único en Arzúa. Que o Goberno Nacionalista fixo ese traballo con todas as garantías e asegurándose de que nada do que se proxectou era ilegal, o proxecto está avalado por unha empresa de gran prestixio neste tipo de traballos e pola rigorosidade e a profesionalidade dos técnicos municipais.

  • A autorización de Patrimonio tamén revela que todas as críticas pronunciadas polos voceiros do Partido Socialista e do Partido Popular se volven contra eles e os deixan en evidencia. Ponse así de manifesto as mentiras, inxurias e calumnias pronunciadas dende o seo destes dous partidos en conivencia coas súas plataformas.

  • Queda así demostrado que non se cortaron carballos centenarios como presumía Xavier Pintor nin se levou a cabo un proxecto devastador como pretendía Leyre Aldasoro.

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, que asistiu esta mañá a reunión da Comisión de Patrimonio fixo pública a súa satisfacción porque “agora poderemos continuar uns traballos que tivemos que paralizar por culpa da oposición e que agora se demostra que eran non só legais senón moi necesarias para a conservación da carballeira”. Xaquín García quixo agradecer aos veciños o seu saber estar por non ter entrado na demagoxia practicada pola oposición con este tema xa que o único que conseguiu o PP e o PSOE coa súa denuncia “foi atrasar as obras e entorpecer o normal transcorrer das feiras que se celebran no recinto os días 8 e 22 de cada mes”.

Tamén insistiu o Alcalde en que as obras se reanundarán á maior brevidade agora que quedou demostrada non só a súa legalidade senón a súa necesidade e aclarou ademais que “lamentamos o tempo perdido porque o traballo do noso goberno sempre está avalado por criterios técnicos e profesionais”.

Institucional