Paula Carballeira álzase co VI Premio Manuel María

Paula Carballeira álzase co VI Premio Manuel María

09 de Decembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A escritora de Maniños- Fene-Paula Carballeira alzouse por segunda vez co Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivera en 2006 na que foi a primeira convocatoria do galardón. Lidos os 17 textos que se presentaron este ano, o xurado acordou conceder o premio a O refugallo, texto do que destaca o “coñecemento que demostra do oficio teatral” e, en especial, a súa xenerosidade con oficios da posta en escena como a escenograf&ia

En O refugallo, canda as cousas que ninguén quere, viven Isolda, Hipatia, Borboronte e Lustucrú, os catro cativos protagonistas desta historia. A súa autora adianta que se trata dunha obra sobre a “capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro”: “Os catro [personaxes] xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira”, afirma.

A obra (apuntamentos da autora)

Isolda ten un libro de viaxes; Hipatia, un telescopio; Borboronte, unha tartaruga (aínda que as tartarugas non se teñen, só están contigo), e Lustucrú, unha pata de pau. Os catro viven no refugallo, co que ninguén quere. Os catro xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira.

O refugallo trata sobre a capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro, que lles dá vida a obxectos e personaxes que ata o momento da representación non existían para o público.

A autora

Paula Carballeira (Fene, 1972), dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil en galego, moitos dos cales contan con traducións a idiomas como o castelán, catalán, vasco, inglés, portugués e mesmo coreano: A percura, Robin e a Boa Xente; Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima, Olo-iepu-iepu, Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico, Mateo, Paco (Premio Lecturas 2001), Correo Urxente (Premio Lecturas 2003), O ganso pardo, A era de Lázaro, Contatrás, Smara (premios White Raven e Isaac Díaz Pardo), O lobisome, Boas Noites (Premio Manuel María 2006), A casa redonda, O lobishome de Candeán e As outras historias, entre outros.

Membro da compañía Berrobambán dende 1996, tamén desenvolve a súa traxectoria como directora e actriz noutras compañías, como Centro Dramático Galego (para o que en 2006 dirixiu e interpretou A cabana de Babaiagá), Talía Teatro ou Magrinyana. Paula Carballeira ten participado como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe O Inglés e, na actualidade, Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega.

Sociedade