Perspectiva xeracional para un futuro feminista

Perspectiva xeracional para un futuro feminista
30 de Novembro, 2020 - 01:15 h. | Publicada por Radio Fene

A diferenza xeracional é un factor clave para comprender os cambios da muller na sociedade. Cada vez máis estamos ante nenas que saben que non se poden deixar controlar e que crenzas arraigadas coma que “os celos son amor” son completamente erróneas.

ESCOITA O PODCAST:
Mari Carmen Martínez, Sandra Permui e Marta Pereiro

Mari Carmen Martínez, Sandra Permui e Marta Pereiro son de tres xeracións diferentes. Teñen en común que son mulleres e que creen ver unha esperanzadora evolución social de cara ao futuro das seguintes xeracións.

Os referentes culturais que as influenciaron na súa nenez e adolescencia son moi diferentes, pero todas están de acordo en que, aínda que cada vez son máis, faltan mulleres que se presenten como figuras protagonistas ou referentes para mulleres libres. Mari Carmen Martínez volveu á infancia recordando filmas que se adoitaban ver na súa casa. En perspectiva, e con visión feminista, queda abraiada.

Estas referencias son parte da nosa personalidade ao igual ca educación. Sandra Permui fala de que na súa casa existía a igualdade, mais á hora de saír pola noite ela sempre tiña que chegar antes. “Ese medo sigue existindo, é unha mágoa”, agora fala dende perspectiva de nai. Ela é educadora infantil e explica, que cada vez menos, a súa profesión está condicionada polo sexismo aínda que sempre quedan vestixios.

Agora o que é perigoso son as redes sociais. Son un punto de formación incrible, nas que hai moito coñecemento feminista e a divulgación está globalizada. Pero ao mesmo tempo, son as ferramentas de control máis comúns, máis novas, quizais pola alta exposición. Marta Pereiro coñéceo de primeira man.

Con perspectiva de muller. Recordando o pasado e augurando un presente no que as nenas sexan libres de xogar con bonecas ou camións de bombeiros. A paridade está cada vez máis cerca aínda que teñamos que seguir loitando.

Sociedade

Publica o teu comentario agora