A pescada

A pescada
09 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A pescada é dos peixes máis prezados dos que nadan nas augas preto de Galicia.

Carioca é o nome que lle damos á pescada cando é nova e morde o rabo; de grande xa é a pescada nosa ou merluza para os casteláns. É o peixe branco por excelencia, moi estimada pola carne branca, compacta, para moitos insípida, pero que ten a vantaxe de coller os sabores dos outros alimentos que a acompañan no guiso no que se fai. Na antiguidade non foi moi aceptada. Aristóteles chamouna peixe-burro, pero quizás non a coñecía moito porque no Mediterráneo non é moi boa. Entre as lendas está a que recolle Plinio; coida que as pescadas teñen na cabeza unhas pedriñas redondas que, cando anda a lúa chea, arrímanse ao corpo e remedian as febres.

Pescadas hainas en todos os mares do mundo, como a austral na Arxentina e África do sur; a do Cantábrico, co lombo negro, capturada con anzol e liña, máis coñecida como a do pincho, que é a mellor. Entre os refráns nosos está este para a pescada: “Do mar a pescada, do monte a perdiz”. Os máis vellos lembrarán aquelas grandes pescadas que se toraban atravesadas como rodas de carro que xa non se ven. O despece da pescada ven ser así: dun lado a caluga coa cabeza, doutro, a cola, e o tronco que é o do medio.

Prepárase de moitos xeitos: “Á romana” rebozada en ovo e fariña e fervida no caldo para servir en salpicón, son moi comúns. Pero tamén con ameixas e gambas, mariscos varios e outras preparacións máis modernas. Arzak, por exemplo, preséntaa sobre cama de algas ou preparada ao forno con améndoas e sobre cama de cebola. Facíase moito en empanada usando as cocochas dándolle outra textura á zarangallada. Pero poucos pratos son tan bós, en palabras de Fausto Galdo, como unha pescada á galega, con pemento doce e un pouquiño picante que lle ás patacas esa cor vermella que enche a boca. Ou unha pescada no forno con patacas fritas á inglesa.

Eladio Rodríguez pondera o valor da nosa pescada con este refrán:  “A pescada en xaneiro, vale carneiro”. As pescadas foron consideradas peixes “de fora” é dicir, dos que se vendían fora e non se xantaban nos portos, como lembra esta outra cantiga:

“Veu un señor á Coruña,

Meu Deus querido, que veu facer,

Veu levar as pescadas,

Deixando as cabezas para nós comer.

Puidoas levar tamén!

Cultura

Publica o teu comentario agora