Pesdelán ensínannos a mover os pés na súa estrea discográfica

Pesdelán ensínannos a mover os pés na súa estrea discográfica

30 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Na punta do pé, este é o título que Pesdelán elixiu para o seu primeiro traballo, un libro-CD-DVD que anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito ameno, divertido e participativo. Comprometidos coa recuperación da cultura lúdica e activa das festas e verbenas, os compoñentes da formación queren que esta obra sexa compartida

Na punta do pé é unha proposta didáctica dirixida por Mercedes Prieto e Montse Rivera coa produción musical de Pedro Pascual e colaboracións como Guadi Galego ou Celina Piedade.

O traballo chega esta semana ás librarías e bibliotecas de Galicia e Portugal (Pezinhos de lã), editado pola editorial Kalandraka. A obra conta ademais coas ilustracións de João Vaz de Carvalho, un dos debuxantes máis relevantes do actual panorama artístico en Portugal. A súa achega plástica apórtalle colorido, frescura e simpatía a esta obra multidisciplinar.

Pesdelán xorde en 2008 da unión de prestixiosos músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Leilía, Susana Seivane Grupo, Xochilmica, Montelunai, Pula-lle-o-pe). Transcendendo o concepto do grupo musical convencional, Pesdelán fai unha proposta novidosa e atrevida, valéndose da música en vivo e do ensino de xogos e bailes sinxelos, substituíndo a idea do público espectador e pasivo pola dun público activo e participante.

Cultura