A pianista xaponesa Mine Kawakami ofrece en Lugo un concerto inspirado no Camiño de Santiago

A pianista xaponesa Mine Kawakami ofrece en Lugo un concerto inspirado no Camiño de Santiago

04 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A xira que a pianista xaponesa Mine Kawakami protagonizou este verán en Galicia chegará á súa fin mañá domingo na cidade de Lugo, onde ofrecerá un concerto gratuíto a partir das dez da noite na Praza de Santa María. As actuacións de Kawakami -quen pasou nas últimas semanas por Santiago, Pontevedra e Ourense- están enmarcadas dentro da programación do Camiño da Música do Xacobeo 2010.

O espectáculo audiovisual Un piano no Camiño está inspirado na ruta xacobea, nas súas paisaxes e nas súas xentes. Os protagonistas do concerto de Mine Kawakami son un piano de cola e o Camiño de Santiago, xa que a interprete aposta por unha posta en escena moi sinxela na que destaca o seu virtuosismo. Para completar o concerto, a música estará acompañada por unha selección de imaxes tomadas na ruta xacobea polo fotógrafo xaponés Jiro Hirayama.

Nos próximos meses Mine Kawakami lanzará este proxecto audiovisual ao mercado español a través dun novo disco que levará por título O Meu Camiño.

Cultura