Pictografías, fotografía e pintura

Pictografías, fotografía e pintura
07 de Marzo, 2019 - 12:44 h. | Publicada por Radio Fene

“Pictografías” é o título da mostra de fotografía e pintura que este venres 8 de marzo inaugura o artista Eduardo Hermida na Casa da Cultura de Fene. Trátase do traballo dos dous últimos anos do creador nos que, tal e como sinala, tenta “buscar un diálogo entre a fotografía e a pintura”. Un encontro que non é casual xa que, asegura, “como estudiei deseño gráfico na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, considérome pintor de oficio pero sen a teoría do arte”. Así, no seu traballo busca “esa relación directa que existe entre a materia e o arte manual que inspira as miñas composicións”. E sen esquecerse das súas influencias do pop art, nos últimos tempos ten evolucionado cara un expresionismo figurativo.

As Meninas de Canido

Así, busca a forza da fotografía nun marco diferente e, neste sentido, as súas fotografías son moi pictóricas para os fotógrafos e moi fotográficas para os pintores. Así o poderá comprobar o público, que está convidado ao acto de inauguración da mostra. Terá lugar este venres ás 20 horas e contará coa participación do artista, así como do alcalde, Gumersindo Galego, e da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa. A partir de entón, a exposición poderá visitarse ata o 27 de abril (de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h, e sábados de 10 a 13 h).
Eduardo Hermida afirma que na pintura segue a ser fiel ás súas cores: turquesas, ocres, vermellos intensos... unha pintura optimista, moi colorista
e vital con todo o que o rodea a diario: o barrio, as personaxes del, os amigos... e nesta exposición tenta tamén pór parte deses viaxes que o marcan anualmente, a Madrid e a Bilbao. Museos como o Guggenheim, o Prado ou o Raíña Sofía, que son referentes na súa obra. Tamén é moi importante nesta mostra a presenza da muller, á que rinde homenaxe como muller nai, amiga, compañeira, amante... e, sobre todo, cómplice ideal. Por último, en “Pictografías” tamén quero amosar parte do seu traballo nunha vitrina na que, visualmente, expresa o oficio de pintor.
Sobre o artista
Eduardo Hermida. Ferrol, 1965. Cursa estudos de Deseño Gráfico na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso da Coruña entre os anos 1986-1991. Ao finalizar os estudos, especialízase en escaparatismo e comeza a traballar no departamento artístico de El Corte Inglés. Ademais, imparte cursos de técnicas artísticas de escaparate para a Federación Galega de Comercio e para UGT durante 7 anos. No 2000 decide adicarse plenamente á pintura e abre o seu estudo de arte no barrio de Canido de Ferrol, conxugándoo coa súa faceta musical no dúo artístico Los Fabulosos Cubatas The Focking Brothers, xunto a Pepe Doré. Ten realizado innumerables exposicións pictóricas e fotográficas á vez que intervencións de land art en lugares como Maribor (Eslovenia) ou Aldea Nova (Narón).
No 2008 comeza a intervención artística Las Meninas de Canido que o leva a reunir a máis de 1.500 artistas durante os 10 anos de celebración.
Ademais, a súa inquietude pola pintura e o arte leváronno a realizar ilustracións para diversos libros entre os que destaca “Punver”, con Yolanda
Castaño. Actualmente traballa nos seus dous estudos artísticos nas cidades da Coruña e Ferrol, investigando na relación entre a fotografía e a pintura.

Cultura

Publica o teu comentario agora