Piden a dimisión do alcalde

BNG e PSOE agardan a dimisión de Gumersindo Galego, por responsabilidade
26 de Novembro, 2019 - 10:29 h. | Publicada por Radio Fene

Debe dimitir. BNG e PSOE coinciden en que o alcalde de Fene Gumersindo Galego debe presentar a súa dimisión. De non ser así, cren que deben ser eles os que den un paso adiante para apartalo da alcaldía.

ESCOITA O PODCAST:

O BNG dá 48 horas ao alcalde de Fene para que tome unha decisión, como consecuencia da súa condena por conducir baixo os efectos do alcohol. O portavoz do BNG de Fene, Juventino Trigo, informa que o consello local do Bloque se reunirá a última hora desta tarde para analisar as posibles consecuencias políticas que pode ter a condena de Gumersindo Galego. Despois de declarar a Radio Fene que “personalmente non me alegra o sucedido”, Trigo cré que é o propio alcalde o que debe analisar se é factible a súa dimisión. De non ser así, o portavoz nacionalista declarou textualmente que “seremos os demais os que tomemos unha decisión”.

A voceira do PSOE de Fene, Mar Piñeiro, opina que o alcalde Gumersindo Galego debe dimitir tras ser condenado por un delito de seguridade vial pola conducción baixo os efectos do alcohol. Opina a voceira socialista que “foi un acto de irresponsabilidade e polo tanto debe presentar a dimisión”. En caso de non adoptar esa decisión, os socialistas están dispostos tamén a estudar medidas para facilitar un cambio á fronte da Corporación. Para iso está o diálogo entre os grupos da oposición, segundo afirmou.

No Concello de Fene, o PP ten seis concelleiros, ao igual que o BNG. O PSOE dispon de catro edís e Esquerda Unida unha. O Partido Popular goberna en minoria como a lista máis votada, ao non chegar a un acordo nacionalistas e socialistas. O alcalde de Fene foi condenado o pasado dia 12 tras ser interceptado pola Garda Civil de Tráfico a noite das eleccións xerais. No control de alcoholemia deu un resultado superior ao marcado pola lei. Tras un xuizo rápido, aceptou a sentencia dunha multa de seiscentos euros e a retirada do carné por oito meses.

Institucional

Publica o teu comentario agora