Piden máis medios na investigación da morte de Elisa Abruñedo

Piden máis medios na investigación da morte de Elisa Abruñedo

01 de Marzo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Medio milleiro de persoas concentráronse en Cabanas nun acto organizado pola Asociación de mulleres rurais do municipio e familiares de Elisa Abruñedo, cuxo corpo sen vida e con signos de violencia foi achado hai seis meses, para pedir que se manteña a investigación e se dote de máis medios. O emotivo acto celebrouse no pavillón polideportivo de Lavandeira, a escasos metros do lugar de bosque no que Elisa Abruñedo foi atopada morta tras sa&iacute

O cuñado da muller, José Raúl Fernández, fixo un chamamento ao Delegado do Goberno para que non se esquezan  do caso e "poñan máis medios". "Isto é un xesto de apoio á familia e para que a xente saiba que isto segue sen resolverse". Aínda que sinalou que, segundo a información que recibiu a familia, se manteñen abertas "varias liñas de investigación", neste seis meses non se produciu ningunha detención. Tampouco as probas de ADN realizadas ao corpo serviron, polo momento, para atopar ao culpable ou aos culpables do asasinato. "A familia cada día está máis desesperada e triste, é a impotencia e a ira de non saber quen o fixo e que non estea entre reixas, e levámolo como podemos, dándonos apoio uns a outros", lamentou José Raúl Fernández. Aínda que mostrou a súa confianza na "implicación por parte do equipo de investigación da Coruña", lamentou que "non haxa máis medios". Lembrou que o mesmo equipo de investigación tívose que ocupar doutros casos, como o da nena Asunta de Santiago, e que isto podería dificultar a investigación do crime de Elisa Abruñedo. A preocupación tamén se mantén aínda no municipio de Cabanas, como confirmou o alcalde, Germán Castrillón. "A xente está preocupada e hai unha intranquilidade grande, así que queremos que non se pare a investigación e se tente  localizar á persoa ou persoas que cometeron o asasinato". Preto do pavillón no que se realizou o acto sitúase tamén a vivenda familiar de Elisa Abruñedo, de 46 anos, casada e con dous fillos. O seu marido denunciara a súa desaparición o mesmo domingo 1 de setembro pola noite, cando a muller non regresou a casa. Familiares e amigos iniciaran a procura esa mesma noite e ao día seguinte sumáronse efectivos de Garda Civil e Protección Civil. Finalmente, na madrugada do martes, un veciño atopou o corpo da muller, semidesnudo e con signos de violencia, nunha zona de bosque á beira da estrada pola que paseaba. Sufrira lesións por arma branca.

Sociedade