Pilar García Negro pregoa o San Froilán

Pilar García Negro pregoa o San Froilán

04 de Outubro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O San Froilán arrinca este xoves, 4 de outubro, como manda a tradición, co pregón, que este ano corre a cargo da escritora e lingüista Pilar García Negro. A lectura terá lugar ás 19:30 horas dende o balcón da Casa do Concello. Logo será a chegada dos Pelúdez.

Pero o programa comeza antes, a primeira hora da tarde con pasarruas a cargo do grupo Airiños da Febra animará o barrio do Sagrado Corazón e as rúas do centro, e cunha serie de actividades no Parque Rosalía de Castro, que acollerá entre outros un obradoiro de cestería a cargo da Asociación Corazones Artesáns a partir das 4 da tarde.

Ás 17:15 arrincará o desfile de gando, que recupera o espíritu da antiga feira que deu orixe as grandes festas de Lugo. Desfilarán razas autóctonas polas rúas do centro da cidade.

Este ano, a apertura das portas da Muralla corre a cargo de compañías de danza da cidade, e será o Grupo de Danza da USC quen mañá abra a Porta de Santiago coa representación do espectáculo A porta do sul. O acto terá lugar ás 20:00 horas.

A partir das 20:15 horas continúa a animación na rúa coa percusión do grupo Axé que fará vibrar cos seus potentes ritmos as rúas do centro. Á mesma hora terá lugar a sesión de fogos artificiais dende o Barrio do Carme para ver dende o adarve da Muralla.

E coa noitiña chega o ambiente festivo máis marchoso da man dos concertos. Para esta xornada programanse cinco concertos e unha verbena. No escenario de Campo Castelo estarán o grupo lucense As Irmandades do Falo e os grupos de rock galegos John Deeres, Terbutalina e Machina. Na Praza de Santa María actuarán Coanhandeira e Leilía e na Horta do Seminario tocarán a partir das 20:30 horas as Nancys Rubias, o grupo de de punk e música electrónica liderado por Mario Vaquerizo.

A xornada deste primeiro día de festa despídese coa verbena das orquestras Claxxon e Poceiro que a partir das 23:00 horas animarán o escenario da Praza Maior.

Sociedade