Pintamo-lo mundo

Aspaneps inaugurou exposición no Dia mundial das diferentes capacidades
03 de Decembro, 2019 - 01:53 h. | Publicada por Radio Fene

A exposición Pintamo-lo mundo de Aspaneps poderá verse ata o 7 de xaneiro na Casa do concello de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

No salón de plenos de Fene inaugurouse ás 12 da mañá a exposición “Pintamo-lo mundo”. A exposición que impulsa Aspaneps con imaxes de Gabriel Tizón, coincide hoxe co Día Internacional das Persoas en Situación de Discapacidade. Un salón de plenos abarrotado porque acudiu como convidado o alumnado de 5º curso do colexio Jorge Juan. Os rapaces e rapazas foron convidados a pintar nuns cartóns lemas sobre diversas capacidades. Con eses lemas farán os próximos cadernos en Aspaneps.

En nome de Aspaneps falou Ramiro, encargado de presentar a mostra que funde fotografía e pintura, a raíz dun obradoiro impartido polo fotógrafo Gabriel Tizón. O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, dirixiu unhas palabras aos presentes para recalcar a colaboración mútua entre Aspaneps e o concello. A última desas colaboracións son as obras de ampliación dos baixos da rúa do Castro despois da permuta de locais feita coa Xunta de Galicia. As obras xa van moi avanzadas e Aspaneps, afirmou Galego, poderá ampliar os seus talleres e traballar con maior comodidade. A partir de hoxe, "Pintamo-lo mundo" pode visitarse no salon de plenos do concello de Fene, de luns a venres de 10 a 14,30 horas, ata o 7 de xaneiro.

Sociedade

Publica o teu comentario agora