Pinto de Herbón e a Rosalía máis moderna

Pinto de Herbón e a Rosalía máis moderna

25 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

A faceta máis contemporánea da cultura galega abrázase coa tradición representada por Rosalía de Castro. Pinto de Herbón "cheira a bravío,  a salitre mariño e toxo montañés, a esterco e argazo, a terra incrustada nas unllas, a intemperie, ao contacto entre o balume, a choiva e a suor da pel" segundo palabras de Manuel Rivas en El Pais de las Tentaciones, recollidas na carátula do disco colectivo

Este sábado 25 de outubro a Casa-Museo de Rosalía acollerá un acto titulado “Coroa poética para o Pinto de Herbón”, no que distintas persoas da cultura ligadas ao movemento bravú lle renden homenaxe a este persoeiro ilustre de Padrón.

Todo comezará ás 11 da mañá en Herbón, cunha comitiva con gaiteiros que sairá andando desde a casa do Pinto cara a Casa-Museo. Unha vez alí, realizarase unha dramatización con música da vida de Pinto a través de Rosalía na que participarán, entre outros, Xurxo Souto, Manuel Rivas, Caruncho e Paola Beiro. Para rematar haberá unha regueifa entre Pinto pai e Pintiño fillo e unha apoteose musical.

Os actos terán lugar na horta da Casa-Museo se o tempo acompaña. Se non, terán lugar no auditorio das instalacións.

Pinto de Herbón é un rapeiro e regueifeiro que se fixo popular a nivel nacional grazas ao programa Sitio Distinto co tema “Nitramón, 15, 15, 15″ (incluído no CD recompilatorio Unión Bravú). Ademais, é autor doutros temas como “Paviméntame” ou “A motoserra”, editados en varios discos colectivos. O regueifeiro Pinto acostuma ir acompañado desde o ano 1997 con Luís Correa ‘O Caruncho’.

Sociedade