Pirómanos, incendiarios e imprudentes

Pirómanos, incendiarios e imprudentes

11 de Setembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

O complexo problema dos incendios forestais non se pode reducir a unha cuestión policial. Expertos na materia atribuen o sesenta por cento dos lumes a pirómanos, incendiarios e imprudentes. Descoñécense as causas e as motivacións en moitos casos pero todo o mundo coincide en reclamar un novo modelo de xestión do monte para atallar as causas desta lacra periódica.

O fracaso da política forestal

O Plan Forestal de Galicia aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego en 1992. Planificaba a modernización dun sector estratéxico para Galicia cun investimento previsto no sector, equivalente ao 3% anual do presuposto da Xunta. O obxectivo prioritario era dotar de competitiviade ao monte galego e convertilo nun recurso estratéxico para o desenvolvemento da zona rural. O monte que produce madeira a maior escala é rendible, fixa poboación rural e ten menor risco de incendio. Para lograr o obxectivo do Plan pretendíase romper o  minifundio e mellorar a rendabilidade do monte.

Galicia ten unhas 700.000 hectáreas deficientemente arboradas. O estado de abandono supón un risco medioambiental, como demostran os incendios. Un tercio do bosque galego é improductivo, un 33%, porcentaxe moi superior ao que se rexistra noutros paises Finlandia (12 %), Austria (14 %), Suecia (18 %) o Estados Unidos (21 %).

En Galicia hai 700.000 propietarios de monte, dos que só 100.000 cortan madeira con regularidade. Medio Rural, con Alfredo Suárez Canal (BNG) ao fronte, impulsou as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) iniciativa para agrupar a xestión das parcelas e facelas rendibles, ainda sen cambiar a estrutura da propiedade. A iniciativa tivo moi boa acollida no sector e  perspectivas de éxito, pero o cambio de goberno frustrou ese modelo. O sector forestal conta con 3.000 empresas que moven unha facturación superior aos 1.700 millóns de euros anuais e que xeneran 20.000 postos de traballo directos.

Sociedade