A piscina de Centieiras remodélase

A piscina de Centieiras remodélase

07 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene aprobou o proxecto de climatización ambiental da piscina municipal de Centieiras. A iniciaitva pretende completar a renovación da caldeira acometida meses atrás. Incluese a renovación dos deshumectantes e a posta en marcha do ximnasio no primeiro piso do edificio ubicado en Perlío. Na planta baixa habilitaráse unha zona de fitness. O orzamento da actuación ronda os 109.000 euros.

Os socialistas abstivéronse neste punto, expoñendo as súas dúbidas acerca da idoneidade da ubicación do ximnasio na primeira planta da piscina, ao concentrarse nesa localización o ar quente. O BNG indicou que Oleiros ven de lograr unha axuda de cincocentos mil euros para renovación e ampliación dunha piscina construida co mesmo proxecto e nas mesmas datas que en Fene.

O pleno non respaldou a proposta do Partido Popular para ceder á Mancomunidade a xestión do punto limpo de Vilar do Colo. Os socialistas reclamaron datos sobre os custes económicos do servizo e maior claridade sobre a fiscalización da empresa que xestione a instalación. O Bloque tamén se opuxo indicando que os informes técnicos son desfavorabeis. O alcalde Gumersindo Galego apuntou como posible solución a xestión conxunta do punto limpo entre Cabanas e Fene, asinando despois un convenio con Ares e Mugardos para acoller aos seus residuos. Os concelleiros aprobaron por unanimidade unha declaración contra a violéncia machista.

O voceiro socialista Antón Noceda reclamou a convocatoria dun Pleno extraordinario para debater unicamente a regularización do Catastro e as protestas orixinadas en Fene por esa medida. A concelleira de Esquerda Unida Mari Carmen Martinez reclamou actuacións máis decididas contra a proliferación de ratas nas zonas próximas á Praza Verde de Perlío.

Sociedade