Plan para acudir seguros aos cemiterios

Fene quere evitar as aglomeracións habituais nas datas de Defuntos
08 de Outubro, 2020 - 10:36 h. | Publicada por Radio Fene

SES actuará na praza do concello de Fene o dia 14 de novembro e o 24 de outubro, chega unha nova Xuntanza de Gaiteiros. O concello de Fene contrarresta o parón sofrido pola Cultura.

ESCOITA O PODCAST:

Oferta pública de emprego

O concello de Fene ultima a oferta pública de emprego que dará traballo a oito persoas. Son prazas de conserxe, auxiliar administrativo e peóns. Correspóndense coas ofertas que quedaron paradas nos anos 2017, 2018 e 2019. Estase traballando nas bases específicas antes de publicalas. A tenente de alcalde e portavoz do BNG, Sandra Permui, adiantou que xa empezan a traballar na oferta pública de emprego do 2020.

Cultura segura

O dia 14 de novembro a praza do concello de Fene acollerá un concerto de María Xosé Silvar "Sés". “Preocúpanos o parón que sufriu a cultura e desde setembro iniciamos unha serie de eventos que foron moi ben acollidos polo público” afirma Sandra Permui, quen anunciaba esta mañá as novas citas. Antes da de Sés, o 24 de outubro, baixo a carpa da praza Alcalde Ramón Souto, celebrarase unha nova Xuntanza de Gaiteiros organizada por Airiños de Fene. E o 7 de novembro achegase a Fene o espectáculo familiar, Moc Moc Saltimbanquis. O aforo previsto, seguindo o protocolo de seguridade, será de 146 persoas. As entradas poranse á venda uns dias antes de cada evento. “Nas anteriores citas vendéronse as entradas en cuestión de horas” .

Cemiterios seguros

Achéganse as datas de Defuntos e Todos os santos e o concello de Fene prepara un plan especial para acudir ao cemiterio municipal con seguridade. A empresa de prevención de riscos estuda como ordenar as visitas ao recinto evitando as habituais aglomeracións que se producen cada ano neses dias tan sinalados. Publicarase un bando municipal nos próximos dias coas normas a seguir pola veciñanza.

Información sanitaria

Sandra Permui aproveitou o espazo As Foxas para reclamar á Xunta de Galicia unha mellor información da situación sanitaria no municipio. Quéixase de que o concello non é informado sobre os casos de Covid19 que se presentan no concello. “Enterámonos pola Voz de Galicia que parece o diario oficial da Xunta” afirma. Juventino Trigo ven de reunirse co xefe da área sanitaria de Ferrol para corrixir esta situación e, respectando a protección de datos, coñecer como evolucionan os contaxios. Segundo a concelleira do BNG, tamén deixou moito que desexar a Xunta de Galicia en relación cos protocolos no inicio do curso escolar. “Foi un pouco caótico os primeiros dias, explica. As direccións dos centros e as Anpas dos colexios levaron todo o peso. Tamén axudaron a policía local e Protección Civil”.

Institucional

Publica o teu comentario agora