Poñerse no lugar do outro

Sinerxia 1+1=3 permanecerá en Fene ata o 27 de decembro
25 de Novembro, 2019 - 09:49 h. | Publicada por Radio Fene

Ladislau da Regueira, Malena Carballo e Juan Sobrino demostran que a unión artística, lonxe de ser competición, é irmandade.

A sinerxia é total na Casa da Cultura de Fene coa mostra: Sinerxia 1+1=3. Sinerxia significa “poñerse no lugar do outro”. Os tres artistas que expoñen en Fene fixerono e saíulles ben. Un pinta, outro fai ensamblaxes e a terceira é fotógrafa. A praia de Doniños, os vellos cepillos de dentes reutilizados e os cadros con cadrados que poderían ser de Mondrian. Todo encaixa á perfección aportando cor a ese espazo inmaculado e amplo da Casa da Cultura de Fene. Pasarán aí o Nadal.

Ata o 27 de decembro Fene albergará a mostra de Malena Carballo, Juan Sobrino e Ladislau da Regueira. Cada un dos tres explicou o venres no acto de inauguración, os seus anceios. Sobrino descubríu, despois de pintar como o fai, que os seus cadros parecíanse moito aos de Kandinsky ou Mondrian. Ladislau xa non sabe onde meter o refugallo que garda na casa ata darlle saída artística. Durante dous anos gardou os cepillos de dentes usados que agora voan na casa da cultura fenesa. Malena adora Doniños e nótase nas súas maravillosas fotos que lembran a pintura luminosa de Sorolla. A unión funciona. Podese comprobar en Sinerxia 1+1=3 na Casa da Cultura de Fene ata o 27 de decembro.

Ao acto de inauguración asistiu numerosos público, ao que se dirixiron os protagonistas e o alcalde de Fene, Gumersindo Galego. Os artistas fixeron unha improvisada visita guiada pola mostra.

Cultura

Publica o teu comentario agora