Poemas e fados no Dia dos Namorados

Poemas e fados no Dia dos Namorados
14 de Febreiro, 2020 - 12:19 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos neste Dia de San Valentín de dúas citas que teñen que ver co amor e cos namorados, O colectivo Moraima e Abril Fado Atlántico rexurden nesta xornada. Con poemas e fados protagonizan os actos de Neda e Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

eu quero ir a Avalon, e dormir esperando-te
todo o tempo preciso, para que me ofereças
algunha noite o fruto que me negas agora.

Recuperada a tua alma de fada,
hás-me tratar con magnanimidade,
e dormiras comigo sob a maceira
paradisíaca, sem medo á repressom
de invejosas potências ou ciumosos poderes.

Será um sonho gentil, sem mágoa, sem remorsos.
Um sonho como a vida, como a morte.
Por isso eu quero ir a Avalon, a Ilha
das Fadas e as Maçás.

Poema de Ricardo Carvalho Calero

Recital de Moraima en Neda

O colectivo literario Moraima estará ás 19:30 na Casa das Palmeiras de Neda, dando un Recital de Poesía Romántica, coincidindo co Día dos Namorados. Acompañados á guitarra por Francisco Pérez Alonso, uns dez poetas recitarán versos seus e doutros autores. Nesta ocasión e por iniciativa de Loreto de Castro, escoitaremos poemas de amor de Carvalho Calero no ano no que se lle adica o Dia das Letras Galegas. Contounolo Mariola Hermida, unha das compoñentes do colectivo Moraima (na imaxe con Emilio Balado) Recitarán esta tarde, entre outras, Matilde Castro, Loreto de Castro ou Eugenia Sanmartín e Esther Val,  e así ata dez poetas agárdannos en Neda esta tarde, acompañadas da musica de Francisco Pérez Alonso. As persoas asistentes recibirán un agasallo conforme ao dia de hoxe.

O fado namora en Canido

“O fado namora” chamaronlle á noite que vivirán no barrio ferrolán de Canido. O espectáculo de Abril fado atlántico soará esta noite no Centro Cívico de Canido nunha velada que consistirá nunha cea organizada pola Sociedade Recreativa e Deportiva de Canido. O formato trío de Abril Fado Atlántico actuará a iso das once da noite interpretando fados clásicos, fado-tango e outros propios do grupo liderado polo fenés Daniel Adzemián. Adzemián na guitarra portuguesa, Calabuch na clásica e a voz de Noelia Santos para encher de amor e desamor esta noite de San Valentín en Ferrol.

Cultura

Publica o teu comentario agora