A polémica construcción do colexio A Xunqueira de San Valentín

A polémica construcción do colexio A Xunqueira de San Valentín

21 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O barrio de San Valentín en Fene cumpreu 40 anos. Unha festa ao longo de toda a xornada serve para conmemorar o evento e acoller a veciños e veciñas que naceron aquí e marcharon na pescuda de oportunidades laborais. A cultura obreira respírase ainda nestas vivendas construidas polos traballadores da construcción naval.

O proxecto de construcción das primeiras vivendas aprobouse en 1959. Foi en 1971 cando se ocuparon os primeiros pisos, ainda que unha segunda tanda tivo que agardar ata 1975. En decembro de 1984 abriuse o Colexio A Xunqueira que foi quen de acoller á numerosa poboación infantil da zona.

Multa de medio millón

San Valentín comezou a ocuparse con parellas novas e o índice de natalidade elevado encheu as rúas do barrio, primeiro de coches de bebé e logo de pelotas, nenos e nenas xogando. A infancia necesitaba educación e o Concello de Fene ofreceu os terreos na antiga Xunqueira para a construcción do colexio. A recén creada Xunta de Galicia (elexida a comezos de 1982) púxose mans á obra.

 

Pero a Dirección Xeral de Costas apreciou unha irregularidade na tramitación, indicando que a administración local debía solicitar previamente a oportuna concesión da parcela. De xeito simultáneo, á orde de paralise, abriulle un expediente ao Concello, notificando ao alcalde Xosé María Rivera Arnoso a imposición dunha multa de 500.000 pesetas.

O primeiro mandatario non se arrugou polas amenazas chegadas dende Madrid, e baixo a súa responsabilidade ordenou continuar as obras. A burocracia non podía retrasar a atención dunha necesidade urxente. A movilización popular logrou logo a retirada da sanción e en decembro de 1984 o barrio puido celebrar a inauguración do colexio A Xunqueira de San Valentín.

Sociedade