Pola recuperación da figura tradicional galega do nadal: O apalpador

Pola recuperación da figura tradicional galega do nadal: O apalpador

28 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Apalpador, un xigante bonachón, barbudo, vestido con roupas vellas, chinelas e cun saco no lombo con castañas e carbón baixará dos montes onde vive este mércores 30 para visitar a cidade de Ferrol. Esta personaxe, de profesión carboeiro acostuma a saír polo nadal nas zonas do Courel ou dos Ancares para palpar os bandullos dos nenos e nenas para saber se comeron ben durante todo o ano e repartir castanas entre eles.

Desde a Fundación Artabria queren recuperar esta figura tradicional galega e aminorar a imposición de figuras alleas que só promoven o consumismo. Segundo un dos seus membros Nes López , o Apalpador aporta certos valores aos máis pequenos como a preocupación pola saúde e a solidariedade coa xente que está a pasalo mal.

Acompañado dos trasnos, os seus axudantes, sairá ás sete da tarde polo Barrio de Esteiro ata chegar ao Cantón de molíns este mércores. Alí repartirá castanas pilongas entre os raparigos acompañado de música de gaitas e tamborís.

Sociedade