Policias contra bombeiros na Coruña

Policias contra bombeiros na Coruña

29 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A manifestación dos bombeiros e membros dos servizos de urxencias, que esta mañá partiu na Coruña da Palloza terminou cunha carga policial. As forzas de seguridade cargaron en dúas ocasións contra os manifestantes. Os sucesos colapsaron o tráfico no centro da cidade herculina durante boa parte da mañá. .

A marcha partiu da praza da Palloza e terminou diante do edificio da Deputación. Alí concentráronse máis de 500 bombeiros de toda Galicia que reclamaban que os recibise o presidente da Deputación. Os manifestantes tiraron durante a manifestación petardos e bengalas e nun momento dado os antidisturbios iniciaron unha carga que alcanzou a varios xornalistas que cubrían a protesta. Tras esta carga, os manifestantes responderon tirando varios sinais de tráfico e lastros e de novo houbo outra carga policial.

 

Ao final os representantes dos tres sindicatos, UXT, CC.OO. e CIG entraron coa intención de reunirse co presidente, Salvador Fernández Moreda, pero finalmente segundo eles non os recibiu. Moreda, pola súa banda dixo que tal reunión non estaba prevista e que se dirixían ao rexistro. O tráfico do centro da Coruña colapsouse por esta protesta. Os manifestantes protestan contra o que eles consideran a privatización dos servizos de urxencias e solicitan a cración «dun servizo público galego de prevención, extinción de incendio e salvamento». O presidente da Deputación afirmou que desde a súa chegada ao ente provincial creáronse sete parques de bombeiros e que herdou un modelo que se instaurou antes da súa chegada.

Sociedade