Polo Subcampeonato de España de R2 en asfalto

No Xarama polo Subcampeonato de España de R2 en asfalto
20 de Novembro, 2019 - 08:52 h. | Publicada por Radio Fene

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro loitarán en Madrid polo Subcampeonato de España de R2 en asfalto. O Rallye Comunidade de Madrid RACE, porá o broche de ouro á primeira tempada do Supercampeonato.

Edgar Vigo e Fátima Ameneiro

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro desprázanse este fin de semana ao circuíto do Xarama para disputar un atípico pero moi interesante Rallye de Madrid. A diferenza do resto de probas que compoñen o calendario estatal, o uso do circuíto do Xarama fai de este, un rallye moi diferente e especial, onde é posible ver a vehículos adiantándose na pista. Un total de 8 tramos cronometrados (4 deles no propio circuíto) serán o lugar onde os pilotos terán que botar o resto neste final de tempada.

 

O equipo Evilscratch chega á proba madrileña cunha consolidada segunda posición dentro do campionato de España de R2 pero, iso non debe de valer para relaxarse xa que a súa diferenza con respecto ao rápido piloto catalán, Pep Bassas (co que comparten preparador) aínda non é matematicamente decisiva. Na proba madrileña producirase unha participación de marca entre os pilotos de vehículos R2, contando mesmo coa presentación mundial do novo 208, ademais da concorrida copa Peugeot na que os de Fene, son os únicos cun vehículo da marca do león que non correrán integrados na mesma para manter o seu compromiso de principio de tempada con Tyre Motorsport, o importador español de Hankook. Esta concorrida lista de inscritos, pode provocar que un mal resultado derivado dalgún problema durante a proba, leve a obtención de 0 puntos. Por tanto, aínda queda moito que loitar para obter o subcampeonato.

 

Fátima Ameneiro salienta que "temos moitas ganas de correr no Xarama. Aínda que non é un rallye ao uso, o gozar dunha instalación na que é posible contemplar a carreira desde unha bancada e ter a varios coches ao mesmo tempo en pista, dálle un punto especial e serve de magnífico colofón á tempada. Ademais, os nosos amigos de Heroina, instalarán unha caseta con polbo á feira e tenda de roupa para que todos os afeccionados poidan gozar do excelente aceite e a preciosa roupa".

 

"No Xarama, sempre sentes a calor do público e é moi bonito correr sobre o seu asfalto e nesta ocasión tamén terra. Estamos moi ilusionados con obter un resultado que nos sirva para lograr o subcampeonato" manifesta Edgar Vigo.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora