As Pontes alberga a mostra de Artesanía Antonio Fraguas

As Pontes alberga a mostra de Artesanía Antonio Fraguas

07 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes- A Coruña- albergará ata o vindeiro día 21 a mostra adicada ao VIII Certame de Artesanía Antonio Fraguas, un premio de carácter bienal patrocinado pola Deputación da Coruña e que a propia administación provincial decidiu traer ata As Pontes.

A sala de exposicións do Mercado Vello está a acoller, dende onte mesmo, unha  colección de 48 pezas seleccionadas por un xurado experto, entre todas as propostas presentadas a este prestixioso galardón e elaboradas por 37 artistas  procedentes das catro provincias galegas.

Non faltan, por suposto, as dúas obras gañadoras, pertencentes Elena Ferro Lamela que cos seus zocos titulados Voa mariquiña, voa se fixo co premio á artesanía contemporánea; e a Miguel Ángel Sánchez Iglesias que acadou o premio á artesanía tradicional co seu Cosmo Torque, elaborado a man con prata, ouro e acibeche.

Entre as pezas da exposición, organizada polo departamento municipal de Cultura, tamén é posible atopar outras obras coma a lampada Estela de Luz de José Juan Unzueta; a escultura Omescuro de José Ramón Rivas García, o conxunto de bisutería de María Silva Pérez titulado Ga-Lego, feito con prata e pezas deste mítico xogo de contrucción ou o Xarrón Profundo de Bidueiro elaborado por Francisco Xavier Pérez Martín.

Horarios
A mostra deste VIII premio Antonio Fraguas poderase visitar ata o vindeiro día 21, de martes a venres, entre as 18.30 e as 20.00 horas e os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

Sociedade