As Pontes opta ao Premio Europeo de Excelencia Turística, co lago da mina.

As Pontes opta ao Premio Europeo de Excelencia Turística, co lago da mina.

16 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

As Pontes presenta a restauración do lago e da escombreira, ao Premio Europeo de Excelencia Turística 2011. De lograr a aprobación da Xunta de Galicia, un comité de avaliación visitará en marzo tanto a escombreira coma o lago artificial.

O Concello de As Pontes presentou o luns a súa candidatura para o Premio Europeo de Excelencia Turística que concede a Comisión Europea para o ano 2011.
Nesta edición, adicada a lugares que rexenerasen algún espazo do seu patrimonio local que se atopase degradado, e transformalo nunha atracción turística, o Concello pontés participará co proxecto "Solución Ambiental Sostible á Mina de As Pontes", como catalizador dunha rexeneración local máis ampla.
A restauración da escombreira exterior, iniciada en 1985 e rematada en 2006, xunto coa recuperación ambiental do oco mineiro convertido en lago, iniciada en 2008, fai deste proxecto a candidatura idónea para un recoñecemento tan prestixioso na Unión Europea.
Dende o principio básico da sostenibilidade, Endesa Xeración, empresa colaboradora na presentación desta candidatura, restaurou a escombreira perseguindo a diversidade, e dotándoa, non só dunha rica biocenose vexetal, senón tamén de abundante e variada fauna que a foi colonizando paulatinamente, formando parte dela algunhas especies en perigo de extinción.

En canto á inundación do oco mineiro e a conseguinte creación do lago, o concello explica que se trata dunha solución viable para rehabilitar a zona afectada pola excavación, dadas as enormes dimensións do oco e o elevado réxime pluviométrico do municipio, garantindo un resultado final totalmente integrado no medio compatible con calquera uso que se lle poda asinar.

O seguinte paso que deberá dar o Concello, no caso de superar os procedementos de selección por parte da Xunta de Galicia, será o de recibir ao Comité de Avaliación que examinará o proxecto e que visitaría As Pontes o mes que ven. Despois de enviar á Comisión Europea o informe final do proxecto, a cerimonia de entrega dos premios celebrarase en maio e xuño.

Esta iniciativa municipal poñerá de manifesto o potencial turístico do concello pontés  e, por extensión, de toda a comarca, constituíndo un valor engadido á economía local e xerando a presenza de visitantes que inclúan este municipio como destino turístico.

Sociedade