As Pontes prepara a XXX edición da Feira do Grelo para o 14 de febreiro

As Pontes prepara a XXX edición da Feira do Grelo para o 14 de febreiro

28 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está xa a perfilar os últimos detalles da que será a XXX edición da Feira do Grelo, unha das festas gastronómicas máis recoñecidas do antroido galego. O 14 de febreiro está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña d

Precisamente, desde o Concello, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes.

Un dos actos máis atractivos deste día será o clásico concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos limítrofes.

Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaránse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un.

Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento.

Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos.

Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 14 no posto organizativo instalado no patio do Colexio Santa María.

Ata as 11.00 horas, un xurado composto por unha persoa do sector, un comerciante, unha ama de casa e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras.

Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas. Ao longo deste tempo, os visitantes que se acheguen pola zona poderán tamén desfrutar da música de Os Ponteses, Os Trevillas, Alfaia e a Asociación Cultural Alende que, dende as 11.30 horas, percorrerán as rúas do centro urbano.

Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado aínda que os que así o desexen poderán, ao mesmo tempo, desfrutar desta cerimonia acompañados dun saboroso prato de cocido na xa tamén mítica degustación popular que se prolongará ata as 15.00 horas, por un prezo de 8 euros nos que tamén se incluirá o viño e o postre.

Sociedade