As Pontes súmase á loita contra a violencia de xénero

As Pontes súmase á loita contra a violencia de xénero

24 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra mañá mércores 25 de novembro, o Concello de As Pontes desenvolverá un longo programa de actividades. Xornadas adicadas a esta lacra social, charlas nos centros de ensino ou obradoiros forman parte dos actos programados para concienciar e sensibilizar aos ponteses e pontesas, incluido os máis novos, as xeracións futuras. 

As II Xornadas Locais  sobre Violencia de Xénero, son unha das actividades centrais do programa. Nelas abordaranse os aspectos psicolóxicos e educativos da violencia de xénero. Terán lugar mañá ás seis da tarde, na Casa Dopeso. 

Nas ponencias intervirán a Xefa do Servizo de Violencia da Subdelegación do Goberno na Coruña, María del Pilar González Díaz, a psicóloga da Asociación de Loita contra os Malos Tratos,María del Carmen López Díaz e a pedagoga e educadora familiar no Concello de Xermade, Manuela Vilaboy Romero. 

Este ano retomarase o traballo nos centros educativos con diversas charlas que se desenvolverán ao longo da vindeira semana nos centros de Secundaria de As Pontes.  A psicóloga e directora do CIM, María del Carmen Rego, encargarase deste relatorios nos que se empregará a música como elemento sensibilizador. Empregará temas incluidos no disco "Rimas contra la Violencia de Género", editado co fin de sensibilizar aos adolescentes e previr este tipo de comportamentos entre a sociedade do mañá. Asemade, tamén terá lugar, na xornada do 25-N, a Campaña do Lazo Branco. 

Para os máis maiores estanse a preparar diferentes actividades cun obradoiro de pintura adicado á figura da pintora Frida Kahlo e dirixido tan só a mulleres. A artista pontesa, Lourdes Acera, dará a coñecer os aspectos máis íntimos que a pintora mexicana agochaba nos seus traballos, ademáis de axudar ás participantes a elaborar un cadro propio no que plasmarán o seu sentir. 

Xa  o día 30 terá lugar un curso de Musicoterapia, tamén para o público feminino, e que se celebrará na casa de Don Pedro. Un taller para pór en valor o papel da música no benestar persoal e na expresión dos sentimentos. 

O programa pecharase con outras dúas actividades abertas a todo tipo de público. A primeira será unha mostra fotográfica que se poderá visitar nos corredores da Casa Dopeso ata o 11 de decembro. Baixo o título Qué significa ser muller?, amósanse unha trintena de imaxes, protagonizadas por mulleres, nas que se plasman o seu traballo, sentimentos e  o seu día a día e que reflicten o sentir da muller en diferentes momentos da súa vida.

A segunda inclúe un video forum o 3 de decembro, no que se analizará o filme Revolutionary Road, de Sam Mendes. A longa reflicte a vida dunha parella modélica dos anos 50 que, malia presumir de ser diferentes, no fondo, viven unha existencia cargada de frustracións, desexos incumpridos e conviccións sociais.

Sociedade