Porto Carboeiro de Ferrol, ¿qué se debe facer con él?

Porto Carboeiro de Ferrol, ¿qué se debe facer con él?

03 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A esta pregunta tentarán respostar esta mesma tarde o biólogo da Cofradía de Barallobre, Joám Luís Ferreiro, e o vicepresidente da Asociación de Veciños “Cruceiro” de Canido, Javier Solloso. Convidados pola organización ecoloxista Adega, eles serán os protagonistas dunha charla coloquio que comezará na Galería Sargadelos de Ferrol ás sete e media do serán.

“O porto carboeiro, igual que outras estructuras que existen na ría, debería desaparecer se finalmente se traslada a descarga de carbón ao porto exterior”, asegura o biólogo da Cofradía de Barallobre. Joám Luís Ferreiro opina que o desmantelamento do porto sería fundamental para a recuperación da enseada da Malata.  

 Segundo Ferreiro, a presenza do porto carboeiro limita a circulación de auga nunha zona de elevado aporte de augas residuais, o que provoca unha maior concentración das mesmas, o deterioro do sustrato e unha diminución da biodiversidade. “Non é casualidade –engade o experto- que a enseada da Malata estea catalogada agora mesmo como zona C, xunto co banco das Pías e a enseada da Caranza”.

 Para o biólogo da Cofradía de Barallobre, o beneficio de retirar no futuro o porto carboeiro de Ferrol sería moi superior ao seu custe económico, “por moi elevado que sexa”. Joám Luís Ferreiro conclúe que “as cousas, igual que se fan, se poden desfacer, sempre que haxa vontade”.

Sociedade