A Praza da Capela de As Pontes mudará de cara

A Praza da Capela de As Pontes mudará de cara

09 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Praza da Capela de As Pontes xa conta co beneplácito de Patrimonio para poder mudar o seu aspecto. O Concello de As Pontes anunciou a recepción do permiso da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, para poder dar comezo aos traballos.

A reurbanización deste espazo municipal, con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, suporá un desembolso de 250.000 euros.Tal e como se recolle no documento achegado por Cultura, as obras suporán a mellora das condicións ambientais do contorno da Capela do Carme.

 


Os traballos non darán comezo ata que rematen as celebracións patronais do mes de xullo, xa que o concello quere evitar molestias aos veciños durante a duración das mesmas. Unha vez rematados os festexos está previsto acometer as melloras do cambio do pavimento por outro mais firme e que reduza o risco de esvarar para os peóns. A eliminación dos chanzos que facían da praza un espazo con tres alturas permitirá deixar a praza nun mesmo nivel. Por último, tamén se substituirá o mobiliario urbano, completando o proxecto co cambio do sistema de iluminación.

Marcha cicloturista

O municipio pontino acollerá, este sábado, a XII edición da Marcha Cicloturista Vila de As Pontes. Este evento está organizado polo Concello e polo Clube Ciclista Vilalba – As Pontes.

Os promotores da marcha calculan unha participación de 150 corredores aproximadamente, e estará aberta a todos aqueles ciclistas maiores de 15 anos que teñan no seu poder a licenza federativa do ano en curso. Pero os que non estean federados tamén poderán participar, sempre e cando tramiten unha licenza da Federación Galega de Ciclismo para a xornada do día 13. Outra das normas obrigatorias será a de empregar o casco de seguridade.

No tocante ao percorrido, o pelotón ten previsto partir, ás 15.00 horas, das inmediacións do pavillón polideportivo municipal afrontando unha ruta na que se percorrerán varias rúas do casco urbano para dirixirse, posteriormente, á parroquia de Espiñaredo e aos concellos de As Somozas e Moeche, rematando no Campo do Hospital, Cuíña e no Alto do Caxado. Será nese momento cando se neutralice a marcha para que os corredores ascendan de forma libre ao Alto do Caxado, subida de 21 quilómetros con 900 metros de desnivel.


Tras este parón, o camiño a seguir polo pelotón faraos regresar a As Pontes pola circunvalación de Ortigueira ata a Casilla, pasando tamén polas avenidas das Veigas, Galicia e Castelao e rematando na Casa Consistorial, cunha chegada prevista ao redor das 19.30 horas.

A organización dará un recordo conmemorativo da proba, un kit de avituallamento e unha cea no restaurante 5 Jotas. Por outra banda, recoñecerase o esforzo dos tres ciclistas que cheguen primeiro ao Alto do Caxado, o do deportista máis novo e o máis veterano e o do clube que aporte máis participantes. Finalmente, a organización porá a desposición dos acompañantes dos competidores un servizo de visitas guiadas ao museo etnográfico de Monte Caxado.

Os interesados en anotarse poderán obter máis información a través dos teléfonos 615 067 975 ou 654 166 721 ou ben na páxina web www.ccvilalba-aspontes.es.

Sociedade