Premio ao arquitecto Alfredo Alcalá

Ferrol será sede este ano da entrega dos premios da Arquitectura en Galicia
29 de Marzo, 2019 - 09:44 h. | Publicada por Radio Fene

O Colexio de Arquitectos de Galicia entrega hoxe día 29, os galardóns da XVIII edición dos Premios COAG de Arquitectura no Teatro Jofre de Ferrol, ás 20:00 horas. Son un recoñecemento ás mellores obras da arquitectura galega, visadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos, no último bienio. Este ano o premio especial a toda a traxectoria profesional correspondeulle ao arquitecto Alfredo Alcalá.

O humorista galego Rober Bodegas será o encargado de presentar o acto, que contará coa asistencia dos representantes do Colexio de Arquitectos, encabezados polo seu decano Antonio Maroño. Asistirán tamén personalidades do eido da política, como a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez ou os alcaldes dos concellos de Fene, San Sadurniño e Valdoviño; e diversos deputados do Parlamento de Galicia e do Congreso de los Diputados.

O xurado seleccionou 6 obras na categoría de Vivenda, 5 obras en Rehabilitación, 5 en Equipamentos, 6 en Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe, 5 en Obras de Reforma e Interiorismo, 5 en Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo, 5 en Divulgación, Investigación e Deseño, e 5 enProxecto Fin de Carreira.

Entre as obras seleccionadas hai unha en Ferrol; o acondicionamento do acuartelamento da Garda Civil de Ferrol - Fase 1ª a cargo de Sergio Beceiro Lodeiro e Rosa Vilas Romalde, de Estudio Anta Arquitectos.

O xurado está composto polo decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño, que actuará como presidente. Na función de vogais, a Xunta de Goberno do Colexio designou a dous arquitectos de recoñecido prestixio, Cristina Ouzande e o portugués João Santa Rita. En representación da ETSA da Coruña forma parte do xurado a arquitecta e subdirectora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Amparo Casares, ademais do responsable da Comisión de Concursos, Formación, Cultura e Comunicación do COAG, Cristóbal Crespo González. E o secretario do xurado é o secretario do COAG, José Luis Sanmiguel Guerreiro.

PEMIO Ä TRAXECTORIA PROFESIONAL

Ademais, a Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia outorgou este ano o premio especial a toda a traxectoria profesional ao arquitecto Alfredo Alcalá Navarro (Ballesteros de Calatrava, Ciudad Real. 1940). Alfredo Alcalá desenvolveu unha obra que se caracteriza desde os seus inicios, no estudio do arquitecto catalán Javier Carvajal, por unha continua innovación e investigación técnica e pola vontade de incorporar a súa arquitectura as respostas construtivas e plásticas dos materiais. Aínda que é orixinario da provincia de Ciudad Real Alfredo Alcalá reside desde fai anos en Ferrol.

Entre as súas obras máis destacadas está a igrexa da Magdalena (Cabanas, 1966), a Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol (Ferrol, 1996) (na foto), a rehabilitación do Ateneo Ferrolán (Ferrol, 1985-2011), a rehabilitación do antiguo Hospital de San Roque (Santiago de Compostela, 2001), ou o Instituto de Educación Secundaria de Salvaterra do Miño. Pero é na súa obra privada e doméstica onde a súa arquitectura se eleva ao máximo expoñente, creando espazos de gran calidade que superan a concepción clásica do fogar, como son unha vivenda en Doniños (Premio Rodolfo Ucha 2006), a urbanización Breogán (Ferrol, 1974), vivendas no poboado do Molino (As Pontes, 1978) e a rehabilitación do Pazo da Merced (Neda 1989-actualidade).

A súa obra, descoñecida en gran medida, evolucionou ao longo da súa dilatada carreira, mostrando unha inquietude e un espírito en continua renovación. O seu labor como profesor, primeiro na Escola de Madrid e posteriormente e ata a súa xubilación no departamento de Proxectos Arquitectónicos da ETSA da Coruña, así como o seu intenso labor cultural no ámbito territorial de Ferrol, convertérono nunha clara influencia entre os seus compañeiros e alumnos, presente a día de hoxe en moitas das súas obras da cornixa norte galega.

Cultura

Publica o teu comentario agora