Premio aos colexios máis participativos no certame de poesía

Premio aos colexios máis participativos no certame de poesía

20 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes, ten todo preparado para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao escritor Uxío Novoneyra. Así e tal como vén sendo costume, está xa convocado o III Certame de Poesía “Día das Letras Galegas” no que se establecen tres categorías para os participantes. A primeira delas é a infantil para nenos e nenas ata 12 anos na que se repartirán dous premios aos mellores traballos, un primeiro de 12

Ademais haberá tamén unha categoría xuvenil para rapaces e rapazas de 13 a 16 anos, cuxos premios serán tamén de 120 e 100 euros, respectivamente; e por último a categoría xeral, de 17 anos en diante, outorgará dous premios, o primeiro de 300 euros e o segundo de 180 euros.

En canto ás características das obras que se presenten, deberán ser orixinais, escritos en galego e terán unha extensión máxima de 50 versos, deberán ir mecanografiadas con letra Arial a tamaño 12 e a dobre espacio e terán un título. Ademais as obras non poderán ir asinadas polo autor, identificándose cun pseudónimo ou lema e irán acompañadas cun sobre pechado no que se indicará a categoría na que participa, e no seu interior conterá os datos persoais do autor ou autora.

Este ano como novidade o Concello estableceu un novo premio para os centros escolares que estará dotado de 130 euros e que premiará ao centro que presente obras de maior calidade, establecendo un mínimo de 20 participantes.

A entrega dos premios realizarase durante o acto conmemorativo deste día, o próximo 18 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura.

O prazo de inscrición para participar no certame permanecerá aberto ata o 11 de maio, debendo realizarse as inscricións no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Ordes.

Ademais do certame de poesía haberá outra serie de actividades con motivo da conmemoración deste día, que terán aos máis pequenos da casa como protagonistas. Así celebraranse as “Tardes de música, contos e Lendas” que traerán o día 13 de maio ata a biblioteca unha sesión de contacontos dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos, dende as 19:30 ás 20 horas. O día 14 de maio celebrarase o obradoiro “Danza dos instrumentos”, unha actividade dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e que terá prazas limitadas. Para inscribirse o prazo estará aberto ata o día 12 na concellería de Cultura. Por último o acto de conmemoración na honra de Uxío Novoneyra terá lugar o día 18 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura.

Cultura