Prendemos Un lume azul con Pedro Feijoo

Prendemos Un lume azul con Pedro Feijoo
08 de Abril, 2020 - 12:04 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos co autor de "Un lume azul" a última novela de Pedro Feijoo, no club de lectura de Radio Fene. En pleno confinamento marcámonos o primeiro debate online que posiblemente non será o último.

ESCOITA O PODCAST:

Por primeira vez o Club de lectura de Radio Fene desenvolveuse por videoconferencia. A través do Skype falamos con Pedro Feijoo que nos atende desde a casa en Barcelona para comentar a súa última novela “Un lume azul” editada por Xerais en 2019, un thriller psicolóxico que non dá respiro aos lectores dende a primeira á última páxina. Os abusos sexuais á infancia son a trama principal, un delicto cruel onde os haxa, que provoca unha venganza cruel. A forma de actuar dos protagonistas da historia que desenvolve con mestría o autor vigués, Viola e Sebastián, protagonismo que comparten cunha serie de personaxes escuros, permítenos desquitarnos do medo e do silencio.

Escribe Feijoo por boca das víctimas: “…vostedes non saben o que é o medo…non imaxinan as cousas terribles que dicían que pasarían se nalgún momento falabamos disto con alguén. Vostedes non saben o que é o medo…Éramos uns nenos”. Por máis que a historia que conta, enmarcada na súa cidade Vigo, se nos antoxe dura, moi dura, non está alonxada da realidade. Unha das teimas confesadas polo autor é a seria e minuciosa investigación que hai detrás das historias que conta, e esta non escapa a ese procedimiento. Con Feijoo falamos da súa maneira de narrar, do suspense que lle imprime a esa narración que nos arrebata aos lectores dun xeito enfermizo. A el deixouno esgotado, confesa, con necesidade de limparse por dentro.

En pleno confinamento e en plena limpeza dun lume azul, descúbrenos que foi incapaz de poñerse a escribir e menos sobre este estado de alarma excepcional provocado polo virus. Recoñece o escritor vigués que todo o que poidera escribir sobre esta situación " sería unha auténtica tontería" en comparación co que estamos a vivir. Nesta reunión online do Club de lectura de Radio Fene, escoitamos a Pedro Feijoo con atención porque se explica ben, coincidimos os participantes en que moi ben. Paga a pena prender "Un lume azul" aínda que despois custe moito apagalo.

Participaron esta semana no Club de lectura, Esther Val, Henrique Sanfiz e Pitusa Arias.

Cultura

Publica o teu comentario agora