Prepáranse novas edicións de Expo Ordes e da Feira do Champiñón

Prepáranse novas edicións de Expo Ordes e da Feira do Champiñón

19 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O campo da feira de Ordes volverá a convertirse nun gran recinto expositor de importantes empresas dos diferentes sectores coa celebración dunha nova edición de Expo Ordes. Unha feira multisectorial, que xa se ten convertido en todo un referente a nivel autonómico e que se celebrará a próxima fin de semana, os días 23, 24 e 25 de abril.

Para esta celebración o Concello de Ordes ten preparado un amplo programa de actos que darán comenzo na xornada do venres, ás 20 horas, coa inauguración do recinto feiral, xornada que ademais estará adicada aos empresarios e autónomos de Ordes, que xa foron convidados polo Concello.

Para o día seguinte, o sábado 24 de abril, ademais da apertura do recinto feiral coa exposición de importantes empresas da máis variada índole, tamén se celebrará o Día da Mancomunidade de Ordes. Así durante a mañá, levarase a cabo a inauguración dunha serie de rúas que levarán o nome dos municipios que forman a Mancomunidade, acto para o que o Concello de Ordes convidou a todas as Corporacións ao completo de cada un destes municipios. Ademais durante toda a xornada contarase coa actuación da Charanga Ruada, e a sesión vermú e a verbena correrá a cargo da orquestra Odisea. Ás 21 horas pecharase o recinto feiral.

O último dos días de celebración, o domingo 25 de abril, contará cunha das citas festivas máis importantes do municipio, a XXI Festa do Champiñón, con degustación gratuíta do producto nos establecementos hostaleiros do municipio a cargo do Concello de Ordes.

O programa de actos para este día incluirá ademais a apertura do recinto feiral ás 10 horas e ás 11 horas a celebración dun Concurso de Salto de Obstáculos Nacional de cabalos na explanada do colexio Campomaior. Ademais, trala visita das autoridades ao recinto ás 13 horas, terá lugar a actuación da Banda de Música Amigos de Ordes e a Charanga Ruada. Nesta ocasión a sesión vermú e a verbena correrán a cargo da orquestra Jocker´s.

 “A consolidación de Expo Ordes dentro das feiras multisectoriais é xa un feito e esperamos que, ao igual que ocorreu na pasada edición sexan miles de visitantes os que se acheguen ao municipio durante a celebración da mesma. No caso da Festa do Champiñón tamén estamos seguros de que contará cun gran éxito, sendo esta xa a súa vixésimo primeira edición. Ademais dende o Concello temos a intención de darlle un novo pulo para o que, tal e como se acordou en pleno, solicitaremos á Xunta que a Festa do Champiñón de Ordes se declare Festa de Interese Turístico de Galicia”, explicou o alcalde ordense, Manuel Regos.

Sociedade