Prepárase en Melide a Feira do Libro no Camiño

Prepárase en Melide a Feira do Libro no Camiño

31 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Os amantes da gastronomía e do bailongo contan esta fin de semana con numerosísimas alternativas por toda Galicia. Dende Ortegal ao Miño, non hai comarca na que non haxa unha paparota comunal ou unha verbena-pachanga. Pero en Melide optan por unha alternativa singular e insólita. Sábado e domingo ábrese a Feira do Libro no Camiño. 11 escritores presentarán libros e lerán poesias e 11 librarías expoñerán e venderá

Os escritores Francisco Narla, José Antonio Castro Cebrián e Xosé Vázquez Pintor presentarán esta fin de semana en Melide os seus últimos traballos. Tamén estarán en Melide Inma López Silva (Premio Xerais), Santiago Jaureguízar (Premio Terra de Melide), Carlos Parrado, Yanelis Velazco e Carmen Blanco.

A II Feira do Libro no Camiño que esta fin de semana se celebra en Melide será moito máis ca o escenario para a exposición de once casetas de librarías procedentes de toda Galicia. Ademais, a Feira é tamén o marco elixido para que os autores Francisco Narla, José Antonio Castro Cebrián e Xosé Vázquez Pintor presenten as súas novidades editoriais.

Será o sábado, 1 de agosto e primeira xornada da feira, cando o escritor lucense Francisco Narla presente o seu último traballo, Los lobos del centeno, un percorrido polos mitos, lendas e a tradición oral galega que inspirou esta obra, e que realizará xunto ao escritor gaditano José Antonio Castro Cebrián, autor de La última confesión, sobre a Santa Compaña, e especialista no mito galego do lobishome.

A escritora Carmen Blanco achegará ás 13h do sábado a súa particular visión sobre o papel desenvolto pola figura de Rosalía nas letras galegas e universais, cunha conferencia titulada “Rosalía escritora integral, polifónica, universal”.

Ademais deles, que ofrecerán a visión persoal e orixinal dos seus traballos, tamén a escritora Inma López Silva estará o domingo no Cantón de San Roque de Melide (12h) para asinar libros da súa autoría, entre os que está “Neve en abril”, ambientada nun pobo imaxinario que a autora chamou Lideme, xogando co nome do pobo de Melide. Inma López, con ascendencia en Melide e Santiso, foi premio Rúa Nova con esa novela e posteriormente, incrementando a valía da súa traxectoria, acadou o Premio Xerais.

Xunto con Inma López Silva, o domingo será tamén o día do encontro de Santiago Jaureguízar cos seus lectores. Jaureguízar, premio Terra de Melide 2008 de creación literaria co título O globo de Shakespeare, ofrecerá unha conferencia ás 13h na Feira do Libro, baixo o título “Todo o que sempre quixo saber sobre a literatura e que ninguén lle contou”.

Na sesión da tarde do domingo será a quenda dos escritores melidenses. Ás 19 horas, o autor Carlos Parrado, escritor e investigador, presentará o seu libro Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco, un traballo sobre a vida e traxectoria política e social de Curuxás no territorio de Melide e comarca en tempos da persecución franquista. Unha hora despois, ás 20h, tamén no Cantón de San Roque, o escritor Xosé Vázquez Pintor presentará a súa obra A terra do medio, un traballo no que o autor melidense rende homenaxe ás terras nas que se criou e lle son propias: Melide, Toques, Santiso, Lalín, Rodeiro e Agolada. A presentación en exclusiva deste libro realizarase en Melide, onde ademais o escritor dá nome á biblioteca municipal.

O Concello de Melide sorteará os dous días (21.15h) lotes de libros entre os asistentes á Feira do Libro. Ademais, o domingo, 21.30 horas a Feira pecharase cun recital de poesía e música co poeta Juan Carballo, titulado A casa do poeta.

Nas sesións de tarde, o Concello de Melide propón unha completa programación para o público infantil, con teatro, obradoiros, pregóns infantís, etc

Cultura