Preparada a xente para rir co Entroido

Fene rende homenaxe a título póstumo a Juan “O Negro” mañá martes de Entroido.
04 de Marzo, 2019 - 10:42 h. | Publicada por Radio Fene

Fene organiza o martes pola tarde unha gran festa infantil e pola noite o baile de Entroido coa actuación de Los Zares. As dúas citas terán lugar baixo carpa na praza do Alcalde Ramón Souto González.



O Concello de Fene organiza mañá martes 5 de marzo a Festa Infantil de Entroido para os máis pequenos. Celébrarase a partir das 17,30 horas baixo carpa na praza do Alcalde Ramón Souto González, polo que a festa está garantizada máis aló de que o tempo acompañe. Estará guiada por La Guagua, que animará a nenos e nenas a tomar parte nas diferentes actividades e xogos propostos. Así mesmo, non faltará a degustación de lambetadas de Entroido para todos eles. Dende as 21 horas, o Concello rende homenaxe a título póstumo a Juan “O Negro”, integrante da Asociación Cultural "Os Tadetas"  e persoa moi querida e recordada en Fene. Sobre as 21,30 horas, arrancará un gran baile de Martes de Entroido coa música en directo do grupo Los Zares.

Mércores de Cinza

A festa continuará o mércores 6 de marzo. A partir das seis da tarde arrancará de Perlío, fronte a Aguilar, o desfile das comparsas participantes no festival para percorrer a Avenida Figueroa e Avenida Naturais e concluír o itinerario, co que animarán como nunca o espazo urbano de Fene, na praza do Alcalde Ramón Souto González. Alí, co personaxe da viúva, actuarán as comparsas, darase lectura ao testamento, á queima do Antón e un incrible espectáculo pirotécnico. O broche de ouro poñerao a Orquesta Olympus co seu espectáculo Red Tour.

Dispositivo de tráfico

A policia local informa que porá en marcha un dispositivo especial de tráfico a causa da festa do entroido para o martes e o mércores. Estará pohibido aparcar e circular pola rúa do Concello dende as 15.00h do martes 5 á mañá do xoves 7 de marzo.

Cultura

Publica o teu comentario agora