Presentación de dous libros sobre Barriga Verde

Presentación de dous libros sobre Barriga Verde

18 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Preséntanse esta tarde dous libros arredor da figura de Barriga Verde. Ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) terá lugar o acto de presentación das publicacións:O libro-DVD "Morreu o demo, acabouse a peseta" de varios autores e " José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde" de Xaime Iglesias González. 

Morreu o demo, acabouse a peseta

Con esta frase remataban os espectáculos do último títere tradicional galego. O seu nome, Barriga Verde, resoa aínda na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento. Este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos de diversos autores complementan as imaxes do documental de Pedro Solla no que Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida. Subtitulado en sete linguas, o libro conta con textos de Comba Campoy, Germám Hermida, Xaime Iglesias, Marcelo Martínez, Pedro Solla e Toni Rumbau, e con ilustracións de Heitor Real. O documental (con versións en galego, castelán, portugués, checo, francés, inglés e italiano) foi dirixido por Pedro Solla e contou cunha axuda á produción da AGADIC e a participación da TVG S.A.

José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, de Xaime Iglesias González.

José Silvent Martínez non naceu en Galiza, pero respirou aires galegos desde novo. Acadou unha popularidade sen precedentes cun espectáculo ambulante, que percorreu festas e romarías, no que os monicrequees, sinaladamente o heroe Barriga Verde, eran o elemento máis atractivo. A presente publicación, elaborada con agarimo e rigor, trata de dar a coñecer a vida, arte e realizacións deste titiriteiro, sen dúbida, o máis popular da nosa terra durante o século pasado, que, polas súas excepcionais calidades persoais e artísticas, converteuse no mítico Barriga Verde para o público, que o aplaudía afervoadamente, así como para boa parte dos bonequeiros galegos.

Sociedade