Presentación do proxecto de novas tecnoloxías Partnet-Tic

Presentación do proxecto de novas tecnoloxías Partnet-Tic

16 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Proxecto Partnet-Tic, no que As Pontes foi un dos tres concellos coruñeses seleccionados, presentarase este venres. Será as 12.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial. Supón un proxecto de carácter trasnacional que ten como obxectivo fomentar a sociedade da información nos territorios rurais para impulsar a economía, mellorar a calidade de vida e frear o despoboamento.

A concelleira de Participación Cidadá e deputada provincial, Montserrat García, e os representantes deste proxecto na Deputación de A Coruña, xunto cos técnicos responsables de levalo a cabo en As Pontes darán conta aos asistentes das posibilidades desta iniciativa.

A Rede de Participación e Servizos Dixitais que se vai desenvolver en As Pontes é un dos eixos do Proxecto Partnet-Tic, que constituirá un espacio para o intercambio de información e coñecemento entre a administración local e a súa cidadanía.

Co asesoramento dos técnicos pertinentes, dun titor que estará dispoñible para particulares e asociacións ó xeito de dinamizador e coa base na aula de informática da Casa Dopeso tratarase de lograr que as novas tecnoloxías formen parte da vida diaria e así poida existir tamén unha maior participación da veciñanza.

No caso de As Pontes tamén se empregarán os telecentros para achegar esta iniciativa ós habitantes das parroquias.

O dinamizador ofrecerá asesoramento e formación sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, cursos formativos e se responsabilizará dun servizo de consulta para resposta ás dúbidas de particulares e entidades sobre cuestións informáticas e tecnolóxicas.

Ao acollerse a este proxecto, o Concello de As Pontes busca mellorar a prestación dos servizos ós cidadáns e preparalos para a chegada da administración electrónica.

Sociedade