Presentada a moción de censura en Fene

Presentada a moción de censura en Fene
24 de Xaneiro, 2020 - 02:22 h. | Publicada por Radio Fene

BNG, PSOE e Esquerda Unida de Fene presentaron este mediodía unha moción de censura ao alcalde de Fene Gumersindo Galego do Partido Popular. O pleno de debate da iniciativa celebrarase o venres 7 de febreiro as 12 do mediodia. A moción sairá adiante ao estar asinada pola maioría da Corporación. Non asinou a moción o concelleiro socialista Antón Noceda.

Moción de censura en Fene. 6 de abril de 2018

Os grupos de esquerda xustifican a moción indicando que o goberno "foi incapaz de impulsar actividades e proxectos máis alá do que se viña facendo por inercia (...) Estamos polo tanto ante un goberno agónico, sen orientación, sen apoio interno nin externo, cunha xestión moi negativa para o pobo de Fene". Anuncian a próxima presentación dun acordo de goberno.

No debate en pleno do mes de decembro, os grupos da esqueda sinalaron que a máxima autoridade local debe actuar con integridade, responsabilidade, transparencia e exemplaridade. Afirman que Galego non o fixo así, segundo a sentenza aplicada no pasado mes de novembro.
 O alcalde de Fene foi condenado á retirada do permiso de conducir durante 244 dias e ao pago dunha multa de 600 euros por dar positivo nun control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico o pasado 10 de novembro, día das eleccións xerais. O dia 12 celebrouse o xuízo rápido en Ferrol e Gumersindo Galego aceptou a sentencia amosando a conformidade coa pena. "Foi unha triste fatalidade, estou apesadumbrado, arrepentido e pido desculpas" indicou o alcalde de Fene, quen solicitou o dia 19 a súa baixa do Partido Popular. "En canto chegue a aceptación desa solicitude por escrito, comunicarei á secretaria municipal a miña nova situación de concelleiro non adscrito" manifestou Galego.
Ao saberse a noticia, BNG, PSOE e EU coincidiron en demandar a dimisión de Galego indicando que un representante político debe dar exemplo na súa conduta.

A Corporación de Fene quedou constituída no pasado mes de xuño con 6 concelleiros do Partido Popular, 6 do BNG, 4 do PSOE e 1 de EU. Resultou elixido alcalde Gumersindo Galego (PP) como cabeza da lista máis votada. Os ediles do BNG e do PSOE votaron polo candidato de cada formación política ao non existir acordo previo.

Institucional

Publica o teu comentario agora