A presenza do mar na vida e obra de Torrente Ballester

A presenza do mar na vida e obra de Torrente Ballester

15 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A sala de exposicións de Exponav, no edificio de Herrerías, acolle ata o 31 de xullo unha ampla mostra comisariada polo profesor José Antonio Ponte Far que subliña a forte relación entre Gonzalo Torrente Ballester e o mar. A actividade enmárcase nos actos organizados polo Concello de Ferrol co gallo do centenario do escritor ferrolán. A mostra contén paneis con textos do autor alusivos ao mar, maquetas de barcos e obxectos mariñeiros, obras do M

O mar sempre estivo moi presente na vida e na obra literaria de Torrente Ballester. “Era un factor común nos seus libros. Un mar vencellado á cidade de Ferrol. O mar tranquilo da ría e o revolto de fóra dos castelos” indicou esta mañá en Radiofusión o biógrafo do escritor de Serantes,José Antonio Ponte Far.

Nos paneis da exposición inclúense textos do autor da triloxía “Los gozos y las sombras”, ilustrados con navíos, dornas e demais referentes mariñeiros. Asemade incorporáronse cadros de pintores ferroláns como Máximo Ramos, Bello Piñeiro ou Leira Domínguez, sacados dos fondos dos arquivo da pinacoteca do Concello de Ferrol, combinados con maquetas e acuarelas formando un ambiente marítimo “moi ferrolán”, explicou.

Para completar a mostra proxéctase un vídeo da “ruta torrentiana”. Nel amósanse os edificios, monumentos, rúas ou casas vencelladas á vida do homenaxeado. Lugares vitais do escritor como o Teatro Jofre, un pilar na súa obra, pois foi o berce onde comezou a escribir textos de teatro. O casino, o instituto Concepción Arenal, Herrera, a casa de Serantes, Chamorro ou a Praza de Amboaxe tamén teñen o seu protagonismo neste roteiro torrentiano.

Ao longo destes meses continuarán os actos co gallo deste centenario. Segundo Ponte Far, levaranse a cabo charlas con Ángel Basanta, cun dos netos de Torrente tamén escritor e cos gañadores do premio Torrente Ballester organizado pola Deputación da Coruña, como son Manuel Rivas, Carlos Carneiro ou Luisa Castro. Estes últimos intervirán a mediados de novembro coincidindo co fallo do premio 2010 que porá o broche de ouro aos actos desta conmemoración na cidade departamental. 

Cultura