Preto de 2.000 lucenses acudirán á marcha pola defensa da lingua do domingo en Compostela

Preto de 2.000 lucenses acudirán á marcha pola defensa da lingua do domingo en Compostela

14 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A manifestación en defensa do idioma do vindeiro domingo 18 ás 12.00 horas en Compostela podería contar con preto de 2.000 persoas procedentes da provincia de Lugo, segundo previsións da plataforma cidadá “Queremos Galego”. A súa voceira, Marica Campo, adiantou a cifra na súa comparecencia de onte na cidade das murallas, que tiña como obxectivo mobilizar aos lucenses para que se achegasen ata a capital galega.

“Convidamos cordialmente, amorosamente, a todas aquelas persoas que lle queiran ao galego e o sintan como propio, indepententemente da súa ideoloxía, a que realicen con nós este exercicio de lexítimo orgullo e dignidade, así como a reclamar na manifestación deste domingo en Santiago os dereitos que nos asisten a poder usar o galego en todas as circunstancias da nosa vida diaria”, dixo a escritora de O Incio.

 

 

Para facilitar o transporte aos que desexen acudir á cita do domingo co idioma, “Queremos Galego” informou de que haberá autobuses gratuítos desde distintas vilas e localidades da provincia. Así, sairán vehículos desde Vilalba (ás 9:30 horas diante da Casa da Cultura), Sarria (9:15 horas dende o cruce da Cigüeñeira), Poboa de San Xiao (9:30 horas no cruce da Estación), Riotorto (9:00 horas na praza do Concello), Meira (9:30 horas na praza Maior), Guiritiz (10:30 horas na área de servizo da Autovía) e Lugo (10:00 horas diante do Edificio sindical ubicado na Ronda da Muralla). O teléfono para reservar praza é o 982 22 58 12.

 

Ao acto de hoxe ao pé da Muralla asistiron persoas do mundo da cultura, como o escritor Paco Martín ou a escultora Mónica Alonso; do mundo do deporte, como representantes do Azkar de fútbol sala; así como  membros das distintas asociacións e colectivos que integran a plataforma neste momento, desde asociacións veciñais como a da Milagrosa ou a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, ata as principais asociacións culturais da comarca como os casos de Instituto de Estudos Chairegos, LugoPatrimonio, o Clube Cultural Valle Inclán, María Castaña, Xermolos de Guiritiriz, Arumes do Corgo ou Ergueitos de Sarria. Tamén apoiaron o acto sindicatos como STEG, CIG ou CCOO; grupos de teatro como Achádego; de música como Fuxan os Ventos ou Quempallou; representantes de colexios profesionais, como o de Enfermería ou o de Arquitectura; deportistas como o dianteiro do CD Lugo, Sergio, ou os irmáns Vallejo; e escritores como Xosé Miranda ou Isidro Novo.

Críticas ás medidas “regresivas” postas en marcha polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo


Esta plataforma de defensa do galego comeza a súa andaina sobre dúas propostas de traballo concretas: o impulso e desenvolvemento nos vindeiros meses dunha Iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos e a convocatoria dunha gran mobilización nacional en Santiago de Compostela para o vindeiro domingo día 18 de outubro. 

Marica Campo explicou que “por primeira vez en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos”. Para a responsable desta plataforma cidadá, o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo “é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga fixada no Estatuto de Autonomía de promover e potenciar o uso da lingua galega e garantir os seus usos oficiais”. Segundo Campo,  “todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da Xunta teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma”. A escritora definiu como exemplos desta política autonómica “o anuncio de derogación do 50% do ensino en galego, a supresión das axudas á tradución de libros ao galego, ou a contrarreforma da Lei da Función Pública que fai que non sexa necesario coñecer o galego para acceder a un posto de traballo na Administración galega”.

Marica Campo tachou de “falsa” a teoría da imposición que se está a lanzar desde sectores da do Goberno na Xunta e afirmou que “se o conxunto dos poderes públicos operantes na Galicia tivesen aplicado as leis e as normas que protexen o galego non estariamos a reclamar dereitos igualmente mínimos e básicos”.

Sociedade