Prezos xustos para o leite

Prezos xustos para o leite

06 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Unha acción simbólica en demanda de prezos xustos para o leite, protagonizaron esta mañá máis de 500 gandeiros en Madrid. Protestan contra as prácticas das distribuidoras vendendo por debaixo do prezo de produción, e tamén contra a desregularización que aplican os gobernos "e que deixa indefenso ao medio rural".

Na mañá de hoxe máis de medio milleiro de gandeiras e gandeiros de todo o Estado español concentráronse diante do  Carrefour da Glorieta de Cuatro Caminos en Madrid,  en denuncia do “abuso de poder das industrias e da distribución comercial”.

    A Secretaria Xeral, Carme Freire Cruces, presente nesta reivindicación canda unha delegación de gandeiros e gandeiras produtores de leite do SLG, reiterou que, se ben as prácticas extorsionadoras da distribución constitúen un gravísimo impedimento á hora de conquerir un prezo xusto para os produtores e produtoras,  “a responsabilidade central recae nos gobernos por levar adiante unha política de total desregularización.”
 

   Segundo o SLG, "cómpre unha regulación que garanta que os produtores e produtoras acaden prezos que cubran custos e remuneren o seu traballo, ao tempo que os consumidores/as teñan un prezo lóxico, non inflado a través das marxes comerciais de beneficio das industria e distribución, é dicir: sen especulación sobre os produtos alimentarios."

Sociedade