Primeiro mitin do PSOE en Fene. Por unha Europa progresista

Primeiro mitin do PSOE en Fene. Por unha Europa progresista

25 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os socialistas celebraron mitin en Fene na tarde do domingo. A eurodeputada Rosa Miguélez xunto a Mar Barcón e o alcalde fenés, Iván Puentes, reuniron aos simpatizantes socialistas na Casa da Cultura para deixar patente a importancia da cita do 7 de xuño coas urnas, para acadar unha Europa de progreso social fronte á Europa dos mercados.

A candidata e ex alcaldesa de Ares, Rosa Miguélez, defendeu as medidas do goberno Zapatero, así como as de Obama nos EEUU e dos líderes progresistas europeos, para afrontar a crise, e non as recetas que predica Aznar de menos gasto público porque sempre perxudican aos que menos teñen. Rosa Miguélez arremeteu contra a acción da dereita española no Parlamento Europeu poñendo como exemplo a negativa do PP á creación da comisión de investigación tras o desastre do  Prestige, un traballo que logróu cambiar toda a lexislación europea sobre tráfico marítimo.

 

O alcalce de Fene, Iván Puentes, aproveitou este primeiro foro que lle brinda a campaña europea para defenderse das críticas por non apoiar esplicitamente a iniciativa lexislativa popular do colectivo Rumbo 21 para que a Unión Europea levante a prohibición da construcción civil a Navantia Fene. Puentes explicou as razóns reiterando que apoiará o que apoien os traballadores de Navantia, o comité de empresa e os sindicatos. Manifestou estar farto de que se utilice Astano como arma electoral e de que o PP e o BNG se ocupen de Astano cada vez que hai eleccións e temen perder. Na sua intervención, Puentes puxo a EDAR ou a senda do Belelle como exemplos da acción da Unión Europea, para demostrar que as eleccións do 7 de xuño tamén teñen interés local.

           

A deputada e secretaria de organización do PSOE, Mar Barcón, só concibe unha Europa que sirva aos cidadáns para avanzar en dereitos. Citou ao socialista, Alejandro Cercas, que no Parlamento Europeo se manifestou contra as 65 horas semanais porque suporían un retrocerso dos dereitos dos traballadores. Citou tamén o video da campaña socialista que non gustou á dereita e afirmou que “non fai falla máis que oir as burradas de Berlusconi para votar aos socialistas”. Barcón desacreditou a Núñez Feijó que non para de atopar “buracos”  que logo utiliza para recortar dereitos. Como exemplo puxo o hospital de Vigo ou a EDAR de Ferrolterra. Mar Barcón asegurou onte en Fene que no Parlamento Europeu, despois do 7 de xuño, vai haber dous galegos: Antolín Sánchez Presedo e Rosa Miguélez. 

 

Sociedade