Primeiro pleno telemático en Fene

Primeiro pleno telemático en Fene
07 de Maio, 2020 - 12:21 h. | Publicada por Radio Fene

Fene celebra esta tarde o seu primeiro pleno telemático que será gravado e posteriormentre se colgará na rede para que poda seguilo a veciñanza. A facenda local protagoniza a orde do dia.

ESCOITA O PODCAST:

Liquidar as contas de 2019

O concello de Fene celebra esta tarde o primeiro pleno telemático da súa historia. A facenda ocupa boa parte da orde do día porque é necesario concluir a liquidación do orzamento de 2019 e aprobar unha modificación de creto por valor de un millón 34 mil euros. A idea do concelleiro de Facenda, Manuel Polo, é facer un orzamento transitorio para mellorar o actual prorrogado e poñerse co orzamento do 2021 despois do verán. A liquidación orzamentaria de 2019, a súa execución, como se gastou é o que vai coñecer esta tarde a corporación municipal. O aforro foi de 600.000 euros e o gasto supera os 680.000, pero o que sorprende para mal ao novo edil de Facenda é o escaso investimento en obras, que non pasa do 47%. “Afortunadamente Fene ten un remanente do aforro histórico acumulado de 1 millón 34 mil euros que van permitir facer unha modificación de creto para pagar facturas pendentes do ano pasado e do actual, que lle virán moi ben ás empresas neste momento de crise polo Covid19. Outra parte servirá para facer frente á sentenza e pagar a Viaqua a débeda contraída, porque non queda outro remedio, explica Polo.

Orzamento transitorio

A intención do responsable de Facenda é facer un orzamento transitorio. Unha vez coñecido o estado das contas, ver como se gasta e en qué se gasta porque “Tal e como está non nos vale. Queremos modificar a base de execución para facilitar a súa xestión” explica Manuel Polo. E pon de exemplo a necesidade de investir en potenciar o comercio e a hostalaría locais, tan tocados nesta pandemia. “Xa que non vai haber grandes festivais este verán, por esa causa, temos que promocionar ocio a pequeña escala, en formatos reducidos”, afirma o edil de Facenda. E conclúe que iso hai que recollelo no orzamento para evitar contínuas modificacións para cada iniciativa. Despois do verán poñerase a traballar no orzamento de 2021.

Licencias das terrazas

Falamos con Manuel Polo da apertura das terrazas ao 50% que decretou o goberno. O edil fenés de Fcaenda comprende que a moitos locais non lles sexa rendible porque falamos de terrazas pequeniñas e non das que hai nas grandes prazas castellanas ou nas zonas turísticas do Mediterráneo. Consciente disto, Manuel Polo propónlles que soliciten as licenzas e contemplen a posibilidade de ampliar o espazo e mesmo a instalación de barras exteriores para facilitar o consumo fora dos locais. Se fai falla, propón conciliar coa veciñanza para solventar temporalmente o problema de espazo. O pleno ordinario de maio será telemático e privado aos concelleiros e concelleiras e técnicas municipais, ás seis da tarde. Gravarase e despois colgarase na páxina web fenecidadan. net.

Institucional

Publica o teu comentario agora