A promesa mugardesa do lanzamento de peso

A promesa mugardesa do lanzamento de peso
22 de Setembro, 2020 - 12:31 h. | Publicada por Radio Fene

A lanzadora de peso mugardesa, Belén Toimil, vén de gañar o ouro no Campionato de España que se celebrou o pasado 12 de setembro en Madrid. Logrou desbancar a Úrsula Ruíz, que xa acumulaba doce ouros nesta competición, mentres que a mugardesa tiña no seu medalleiro oito pratas. Esta victoria significou o seu primeiro ouro absoluto nunha competición nacional.

ESCOITA O PODCAST:
Belén Toimil en Radio Fene

Tratábase do centenario do Campionato de España de Atletismo, onde xa implementaron as medidas de prevención contra a covid 19. Segundo indica Toimil, o que máis se notou foi a ausencia de público e non tanto o ter que desinfectar os pesos entre lanzamentos. “Ver as gradas vacías era un pouco desolador” confesaba a mugardesa.

Belén Toimil iniciouse no lanzamento de peso con 9 anos a partir da realización dunhas actividades extraescolares na vila de Mugardos. O seu adestrador do momento recomendoulle esta proba e xa dende alevín comezou a despuntar, quedando a tan só 5cm do récord galego desta categoría.

Agora atópase no Centro de Alto Rendemento de León, pero coa pandemia da Covid 19 tiveron que parar e trasladar o adestramento a casa. A deportista fíxose cunhas pesas para lograr manter a forma, pero aínda así eses tres meses sen lanzar afectaron á súa progresión, confesaba Toimil. Recentemente cambiou a técnica do lanzamento lineal ao xiratorio. Unha recomendación do seu adestrador que ela abrazou dende o primeiro momento e que xa está a dar resultados. A súa mellor marca con esta nova técnica é 17,21m e nos adestramentos adoita moverse por cifras similares.

Unha marca que está moi preto dos 18 metros e medio que se precisan para clasificarse para os Xogos Olímpicos. Belén Toimil amósase positiva e vese con posibilidades de acadar esa cifra. Ademais tamén pode clasificarse obtendo bos resultados nas competicións e conseguindo unha posición elevada no ranking. O que está claro é que os Xogos Olímpicos de Tokio están no seu horizonte e vai traballar con ese obxectivo na mente.

Aínda non teñen datas fixadas no calendario para as competicións do próximo ano. Tan só algunhas datas que se pospuxeron do 2020. Segundo contou Toimil, as competicións internacionais son as máis importantes para acadar unha boa posición no ranking.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora