Propoñen a Ramiro Fonte para o Dia das Letras de 2021

Ramiro Fonte no Dia das Letras de 2021
11 de Febreiro, 2020 - 02:00 h. | Publicada por Radio Fene

O BNG propón á corporación de Pontedeume a creación dunha Comisión pro Ramiro Fonte, formada por membros do Concello, entidades, etc de cara a propolo como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2021.

"O escritor eumés Ramiro Fonte Crespo (Pontedeume, 1957 ‒ Barcelona, 2008) é unha insigne figura do panorama literario galego, cunha extensa e variada obra que abrangue a esfera poética, narrativa e ensaística". Con esa presentación, o BNG solicitará para Ramiro Fonte o Dia das Letras Galegas de 2021. Primeiro presentará unha moción neste sentido no pleno de Pontedeume.

Entre os centos de méritos alegados, cítase que cofundou a revista poética Dorna no ano 1981. Salienta tamén o seu papel fundador do revolucionario e renovador grupo poético Cravo Fondo (1977). O noso veciño, dín, foi membro correspondente da Real Academia Galega e nos últimos anos da súa vida dirixiu o Instituto Cervantes de Lisboa. A súa obra foi galardoada con distintos premios de renome -o Premio Losada Diéguez, o Pedrón de Ouro, Esquío, Miguel González Garcés, ou mesmo o Premio da Crítica de Galicia e o da Crítica Española- No ano 1996 recibe a medalla de ouro do concello de Pontedeume e é nomeado Fillo Predilecto de Pontedeume. Unha vila sempre presente na súa traxectoria creativa, fonte de inspiración para os seus poemas e as páxinas dos seus libros e perfectamente representada na súa triloxía “das súas novelas da infancia” formada polos títulos Os meus ollos (2003), Os ollos da ponte (2004) e As pontes no ceo (2007).

"É por todo isto que como veciñanza eumesa e defensores/as da cultura galega estamos en débeda con Ramiro Fonte" reza na moción do BNG que engade: " Despois de se cumpriren máis de dez anos da morte do escritor, falecido no ano 2008, presentamos esta moción para propolo “figura meritoria para ser homenaxeada e recoñecida no Día das Letras Galegas”. A nivel cultural, social e político o Goberno municipal debe emprender, escribe Luís Pena Mosquera voceiro do BNG, un labor de concienciación e sensibilización, unindo vontades.

Dan como exemplo a seguir a campaña que levou a cabo “a sociedade civil” ferrolá para conseguir o “ano Carvalho Calero” e propoñen as seguintes iniciativas: 1ª) Difusión pública dun manifesto de adhesión de personalidades e autoridades a título individual e de entidades culturais. 2ª) Creación dunha Comisión pro Ramiro Fonte. Formada por membros do Concello, entidades, etc e 3ª) Reunións coa familia, coa RAG, ILG, Universidades, etcétera, para que apoien a iniciativa.

Cultura

Publica o teu comentario agora