Protestas laborais en Fene

A CIG denuncia a tendencia á privatización dos servizos públicos no concello fenés.
30 de Xaneiro, 2019 - 01:15 h. | Publicada por Radio Fene

CIG e goberno de Fene, enfrentados polas últimas decisións tomadas na Mesa negociadora. Mentres o sindicato afirma que non hai diálogo e se perden postos de traballo, o representante do goberno contesta que as decisións tomáronse por acordo da maioría e que as prazas que se perden compénsanse con outras que se crean. A CIG insiste nas movilizacións e o venres volve convocar aos traballadores e traballadoras municipais.

ESCOITA O PODCAST:

Traballadores e traballadoras do concello de Fene concentraronse durante media hora desde as 11 da mañá na porta da casa do concello de Fene, esixindo a revogación do acordo sobre o cadro de persoal e a modificación da relación de postos de traballo aprobada pola mesa de negociación celebrada o 27 de decembro pasado. Conforman a Mesa negociadora do concello de Fene, tres representantes do goberno municipal, un do BNG, un de EU e outro do PSOE. Pola parte laboral o CSIF ten dous representantes, un a UXT e cinco a CIG. Na votación da última Mesa, reunida o 27 de decembro, catro membros da CIG abandonaron a xuntanza e un – ao que o sindicato nacionalista califica de tránsfuga- votou favorablemente. Con ese voto, en total foron sete sufraxios a favor da proposta do goberno, sumando os do propio goberno local, da CSIF e de UXT. Os representantes políticos do Bloque, EU e PSOE, abstivéronse.

 

A CIG denuncia a destrucción de emprego público e a tendencia a privatizar os servizos por parte do goberno do PP-Somos Fene. O presidente do comité de empresa, Xesús Sánchez Cea, pon o acento na falla de diálogo entre a administración local e os traballadores. Roberto Sanjurjo é outro dos representantes dos traballadores na mesa negociadora. Para el o grave é a amortización de postos dos traballo que se perden. Amortízanse catro postos - arquitecto técnico, oficial de obras, oficial electricista e oficial mecánico-soldador e créanse dúas novas prazas de arquitecto-a e de técnico-a de xestión tributaria e recadación. O concelleiro responsable de Persoal, Alejandro Gutiérrez, afirma que houbo diálogo e que as prazas que se amortizan sirven para crear outras novas e moi necesarias. A CIG persiste na protesta e xa convocou outra concentración o venres desta semana á mesma hora, ás 11 da mañá.

Institucional

Publica o teu comentario agora