Protocolos e horarios

Protocolos e horarios
28 de Agosto, 2020 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

A área de Deportes do Concello de Fene mantivo aberto até o 24 de agosto o prazo para que as entidades do municipio puidesen solicitar horarios de adestramento tanto no pavillón da Xunqueira como no campo dos Pinares. No primeiro caso trátase da distribución de días e horas para clubes locais durante o mes de setembro, co obxectivo de que poidan preparar a pretemporada, mentres que para o campo de Perlío xa se publicou o cadrante para toda a liga. A información pode consultarse na aplicación en liña Deporxest, onde tamén figuran as medidas preventivas da COVID-19 que se deberán seguir en cada recinto.

Partido Perlío - Maniños

De acordo coas peticións recibidas dentro do prazo, na Xunqueira poderán adestrar do 1 ao 30 de setembro os equipos de base e sénior do CMI Unidade de Fene, que teñen asignados distintos horarios os luns, mércores e venres. Tamén o fará os martes e xoves o Club de Patinaxe Buxaina e os venres concéntranse as tres horas de adestramento do Club de Patinaxe Artística Inercia.

 

No caso do pavillón da Xunqueira o reparto só se refire ao mes de preparación da pretemporada, posto que a distribución de quendas de outubro en diante ten aberto o prazo de solicitude -tamén para o pavillón do Ramo- até o 16 de setembro. O Concello daralles prioridade nas reservas aos clubs locais que estean federados ou inscritos no rexistro de entidades municipais e, unha vez que se repartan eses horarios, abrirase un segundo período de solicitude para equipos de fóra do municipio e particulares.

 

A asignación de horas e días vén facéndose así desde hai anos. Porén, o que cambia neste 2020 é a obriga de extremar as medidas preventivas ante posibles contaxios. Para iso existe un protocolo no que se sinalan, entre outras recomendacións e obrigas, a de gardar sempre a distancia de seguridade de 1,5 metros, o uso de máscara cando non se estea practicando a actividade, a clausura das bancadas e a necesidade de entrar pola porta principal e saír pola traseira, ademais da petición de cinguirse o máis posible aos horarios reservados. Tamén se limita o aforo: se a pista está dividida en terzos separados por cortinas, máximo 25 persoas en cada sector; e se se usa a pista completa, igualmente con 25 persoas como máximo. No ximnasio non poderá haber máis de 12 persoas e o uso dos vestiarios estará regulado polo persoal das instalacións.

O que si está xa definido para toda a temporada é o cadrante de adestramentos no campo municipal dos Pinares, en Perlío. A distribución horaria vai desde o 1 de setembro até o 30 de xuño, data en que se prevé que estean rematadas as competicións. O campo estará dividido en dúas canchas de fútbol 8 onde desenvolverán a súa actividade de luns a venres e en distintos momentos as categorías de base, o equipo feminino e o equipo afeccionado do club residente, o CCRD Perlío. Os luns e mércores tamén reservou tempo neste campo a SD Barallobre.

 

O protocolo preventivo incide no distanciamento interpersoal, o uso obrigatorio da máscara cando non se estea facendo actividade física e en regular os accesos e saídas do recinto para evitar cruzamentos. Tamén sitúa en 25 persoas o tope máximo que poderá haber ao mesmo tempo en cada unha das canchas do terreo de xogo.

 

Nos vestiarios só poderán cambiarse simultaneamente 7 persoas gardando a debida separación e as duchas haberá que utilizalas en quendas de catro en catro como máximo. Todas estas medidas e recomendacións de uso das instalacións son de aplicación tamén no campo de fútbol de Maniños.

Deportes

Publica o teu comentario agora