Proxecto Neo, comeza un novo programa en Radio Burela

Proxecto Neo, comeza un novo programa en Radio Burela

04 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A radio local de Burela continúa aumentando a súa grella de programación e inclúe este novo programa semanal os mércores de 17 a 18 horas. Estará realizado polo equipo da Área de Innovación Educativa do IES Perdouro de Burela.

Proxecto NEO é o resultado da colaboración entre a área de Innovación Educativa do IES Perdouro e Radio Burela. Bernardo Penabade, docente no centro educativo de Burela será o director e conductor do novo programa. Penabade describe o espazo como o lugar no que se lle vai dar voz protagonista ós neofalantes, que son as persoas que se incorporaron á nosa cultura e que lle dan tanta vitalidade como os que a adquiriron na infancia, manifestan. No concello burelés, din dende o equipo de Proxecto Neo, é facil atopar exemplos de neofalantes “son persoas que viñeron de Valladolid, de Asturias, de Andalucía ou de Madrid, ou que viñeron de diversos países do mundo e chegaron aquí á Mariña e se integraron perfectamente“, comenta Bernardo Penabade. Tamén se inclúen neste grupo as persoas prodecentes das grandes cidades galegas e que foi cando chegaron a Burela cando se comezaron a  desenvolver totalmente no idioma galego.
Dende Proxecto Neo, explican que os neofalantes existen en moitos lugares, pero o caso de Burela é mais destacado  polas súas condicións sociolóxicas e de crecemento. Toda a xente recén chegada trouxo o seu contributo e fixo a súa aportación. No primeiro programa que se emite hoxe de cinco a seis da tarde a convidada será María Xosé Andión, coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa 'Modelo Burela'. Será un programa de presentación, no que se explicará cal vai ser a liña dos seguintes espazos. O seu obxectivo é rachar coas fronteiras e chegar a tódolos neofalantes galegos esparcidos polo mundo e que tamén contará coa comunicación cos oíntes a través das redes sociais.

Radio Burela aumenta así a súa oferta de programación e nos próximos meses continuaránse incorporando novos espazos, ademais da programación diaria de mañá, a tertulia deportiva os luns e o espazo musical dos xoves.

Sociedade